Mancomún

Nova edición da Trasnada en Vigo

Luns, 31 Outubro 2011

[ACTUALIZADA: Por motivos alleos á organización, a Trasnada muda de lugar de celebración, pasando a celebrarse no local de Amigos da Terra, na rúa Policarpo Sanz, nº 17, entreplanta, Vigo]

O vindeiro sábado 12 de novembro, de 10:00 a 19:30 horas, a Asociación Trasno celebrará a terceira edición das Trasnadas, desta volta na cidade de Vigo, logo de térense celebrado as dúas edicións anteriores na vila de Ordes e en Ourense respectivamente.

Trasnada 11.1

A Trasnada é unha xornada de carácter cíclico, que serve de punto de encontro para os tradutores de software libre ao galego, con dous obxectivos fundamentais: fixar terminoloxía no ámbito da tradución para aumentar a calidade das tradución e servir de escaparate ao expor ao público o traballo destes voluntarios a prol da normalización da lingua galega nas tecnoloxías libres. Habitualmente resérvase tamén un espazo para a difusión e formación de novos interesados en colaborar na localización.

Os resultados destas xornadas soen ser glosarios terminolóxicos que logo son de aplicación nas traducións dos principais proxectos libres como Mozilla, Ubuntu, LibreOffice, Gnome, Kde, …
O programa completo da Trasnada 11.1 é o seguinte:

  • Sesión de Mañá, destinada a: tradutores e interesados na terminoloxía informática.
    • 10:00 Apertura da Xornada
    • 10:30 Preparación da sesión terminolóxica
    • 14:00 Descanso para xantar
  • Sesión de Tarde, destinada a: tradutores e interesados na terminoloxía informática
    • 16.00 Sesión de terminoloxía (cont.)
    • 19:30 Peche da sesión

Esta xornada está aberta á participación de calquera que desexe coñecer de preto o funcionamento desta comunidade, de participar na tarefa de fixación terminolóxica, …

Os membros da asociación poderán seguir e participar na actividade pola canle IRC do proxecto (#trasno en irc.freenode.net). As novas que se vaian producindo iranse enviando aos perfís da Asociación nas redes sociais (véxase a sección de chios no web).

A trasnada 11.1 terá lugar no local de Amigos da Terra (fronte ao centro social Novacaixagalicia) na rúa Policarpo Sanz, nº 17, entreplanta, Vigo.

Esta actividade forma parte das actividades que a Asociación Proxecto Trasno realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal