Mancomún

Nova edición das Trasnadas en Santiago de Compostela

Xoves, 14 Novembro 2013

O Proxecto Trasno organiza para este sábado día 16 de novembro unha nova edición das Trasnadas, o encontro periódico dirixido a reunir aos tradutores de software libre ao galego que xa vai pola súa sexta edición: a Trasnada 13.0.

Banner da Trasnada 13.0

Nesta ocasión Santiago de Compostela é a cidade escollida para servir de anfitrioa deste novo encontro dos trasnegos na súa xeira galega de reunións presenciais de debate e asentamento terminolóxico. Acorde ao espírito aberto deste grupo, a Trasnada é un espazo público ao que se pode achegar quen queira coñecer o proxecto ou colaborar no debate terminolóxico.

A Trasnada 13.0 celebrarase pois o sábado 16 no centro “O ensanche” en Santiago de Compostela.
De 11:00 a 13:30 horas terá lugar a sesión da mañá, destinada a todos os que están traballando no campo de localización e queren propoñer ou debater terminoloxía a empregar.

De 17:30 a 20:30 horas será a sesión de tarde, momento dirixido á divulgación, onde ensinarán aos asistentes como configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre, ou resolver dúbidas que precisedes.

Estas reunións permítenlles axilizar e consolidar o traballo de discusión terminolóxica que día a día realizan por medio da súa lista de correo sobre da nova terminoloxía que xorde no software libre e fixala. Este asentamento terminolóxico é unha das grandes contribucións que o Proxecto Trasno achega á normalización da nosa lingua nas TIC pois supón un gran avance de cara á homoxeneización das traducións ao galego nos diferentes proxectos de localización de software libre e por ende da súa calidade. Todos os voluntarios do Proxecto Trasno comprométense a seguir estes acordos en todas as traducións que realizan.

Dende a organización animan a asistir ao evento ou a participar no mesmo a través das redes sociais e contribuír así a esta importante tarefa.

Ademais para todos aqueles interesados que non poidan asistir, teñen aínda a posibilidade de seguir o evento a través da rede, colaborando polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos perfís de Trasno nas redes sociais .

As presentacións empregadas subiranse ao web con posterioridade e os resultados así como os debates e acordos terminolóxicos acadados durante a trasnada.

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal