45 novos docentes serán formados na linguaxe estatística R a través da súa contorna gráfica RCommander na nova edición do curso en liña organizado pola OSL do CIXUG coa colaboración dos diferentes servizos de formación do profesorado das 3 universidades galegas.
Así, durante os meses de setembro e outubro desenvolverase na aula virtual do CIXUG: cursos.cixug.es unha nova edición do curso en liña de Análise estatística con Rcommander.
O curso será impartido en liña polo docente Miguel Ángel Rodríguez Muíños entre os días 12/09/2016 e 07/10/2016 cunha duración de 20 horas. Está dirixido a persoal da universidade que habitualmente traballa con software estatístico privativo, ou a persoal non iniciado no campo dos estudos estatísticos. O obxectivo é formar aos participantes no manexo da linguaxe estatística R no seu ámbito gráfico RCommander, software libre de referencia neste tipo de estudos, a fin de ofrecerlles unha alternativa libre a outros paquetes estatísticos privativos amplamente empregados na docencia e investigación universitaria.
No curso comezarase revisando a instalación de RCommander, pasando posteriormente ao manexo de datos, creación de gráficos, ou a realización de estudos estatísticos descritivos. Preténdese desenvolver as seguintes competencias:
- Realización de estatísticas descritivas
- Manexo de datos
- Creación de gráficos
- Distribucións de probabilidade
- Inferencia
- Regresión lineal simple
O curso consta de 11 temas, cada un dos cales consta dunha parte teórica, onde se detallan os procedementos para traballar coas diferentes opcións de Rcommander e dunha proba de autoavaliación. Ao final do curso existe unha proba final.
A avaliación final do curso calcularase en función dos seguintes criterios:
- Participación (10 horas de conexión como mínimo) – 10%
- Probas de autoavaliación por tema – 50%
- Proba final – 40%
O curso é de carácter gratuíto, e ofrécense un total de 45 prazas, 15 prazas para cada unha das 3 universidades galegas. A universidade de vigo xa ten aberto o prazo de matrícula a través da plataforma Bubela, e as outras dúas abrirano en breve coa publicación da oferta formativa para o curso académico 2016-1027.
Esta actividade forma parte das actividades desenvolvidas polo CIXUG a través do convenio de colaboración coa Amtega para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia, e que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2016.
