Mancomún

Nova edición do Kernel 2014 incluíndo celebración do Día da Liberdade do Software

Venres, 19 Setembro 2014

Hoxe arranca o "XI Ciberencontro Kernel 2014" na Casa da Cultura do Concello de Mugardos, unha nova edición deste evento lúdico-tecnolóxico que vén celebrando Mugardos dende o ano 2004.O evento é organizado conxuntamente pola Asociación Comunidade O Zulo e o Concello de Mugardos.

Banner do kernel 2014Durante toda a fin de semana daranse cita máis de 60 persoas apaixonadas polas tecnoloxías e polo Software Libre. Ademais dos inscritos pode acudir calquera persoa interesada en asistir de público aos numerosos relatorios que terán lugar no mesmo.

Como en todas as edicións, o Software Libre ten un espazo de seu no Kernel. 

Celebración do "Día da liberdade do software"

Así, como se pode ver no programa, ademais do Drupal BoF, reunión informal na que hoxe a partir das 20:30 compartirán experiencias sobre o xestor de contidos libre Drupal, mañá sábado, dende as 12:00 terá lugar, como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a celebración do "Día da liberdade do software".

Diversos entusiastas do software e cultura libres xuntaranse para contar as súas experiencias como comunidade:

  • 12:05 Miguel A. Bouzada – Galpon.org "Sábados libres na Altamar"
  • 12:25 Rafael Gaioso – Melisa – "Difundindo software libre en centros penitenciarios galegos"
  • 12:45 Juan Fernández – Alberto Permuy "A Cultura da Auga – Software libre e Rural Data"
  • 13:05 Jesus Amieiro – "Owncloud : a nube libre"
  • 13:25 Miguel A. Rodríguez Muiños – "Metapaquetes en GNU/Linux, alternativas á fragmentación das distribucións"
  • 17:00 Iñaki Quenerapu – "Markdown, unha novo xeito de escribir"

Día da liberdade do Software

Logo do Software Freedom DayTrátase dunha celebración a nivel mundial adicada á exaltación, difusión, promoción, … do Software Libre, que se vén celebrando o terceiro sábado de setembro dende o ano 2004. O principal obxectivo é concienciar ao público sobre os beneficios de empregar este tipo de tecnoloxías de alta calidade tanto en ámbitos empresariais como en administracións públicas, educativas ou nos fogares. A organización sen arela de lucro "Software Freedom International" coordina esta celebración a nivel global dando soporte e puntos de colaboración ao evento, pero son realmente os voluntarios e os asistentes os que axudan a que esta celebración teña impacto nas comunidades.

En resume, é un día especial para insistir nas bondades do software libre e deixar ver que se trata dunha tecnoloxía madura e de calidade capaz de ofrecer solucións en calquera ámbito.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal