Acaba de saír a nova versión de Pidgin, a 2.6.1, con moitas novas funcionalidades. Unha das máis demandadas e recentemente incorporada foi a posibilidade de conversas con audio e vídeo (a través de cámara web e micrófono) usando o protocolo XMPP (Jabber/Gtalk). Polo de agora, esta opción só está dispoñíbel baixo Linux. Esta nova funcionalidade provén do desenvolvemento dun proxecto do Google Code 2008.
A listaxe completa de cambios desta última versión pódese atopar na seguinte ligazón http://developer.pidgin.im/wiki/ChangeLog
A nova característica de conversa de audio e vídeo era unha característica moi demandada polos usuarios de Pidgin, tal e como se pode ver nos resultados da enquisa a usuarios que realizaron hai pouco tempo, onde un total dun 78% dos enquisados consideraba dalgunha maneira importante a posibilidade de audio nas conversas e un 68% a opción de vídeo, sendo aproximadamente un 16% dos enquisados favorábeis a cambiar de aplicativo de mensaxaría no caso que non incluíran estas funcionalidades. Ante estes datos, e a nova de que a vindeira Ubuntu xa non incluirá Pidgin como cliente predefinido de MI, senón que usará Empathy, os desenvolvedores de Pidgin pode ser que optaran por incluír esta nova funcionalidade para non perder usuarios do aplicativo.
Aquí vos deixamos unha captura de pantalla onde se pode ver funcionando coas opcións de compatibilidade de audio e vídeo, aínda que non aparecen activadas xa que para usalas os dous membros da conversa teñen que ter esta última versión do Pidgin…

Polo de agora a instalación nas versións actuais de Ubuntu/Debian é complexa debido á necesidade de instalar unhas bibliotecas que non están nos repositorios destas distribucións.
A tradución ao galego desta nova versión atópase completada nun 100% e foi coordinada por Mancomún.
