A Infraestrutura de Datos Espaciais de España (IDEE) acaba de presentar unha nova versión do seu catálogo de metadatos, que inclúe melloras no servizo e na parte de cliente cunha interface máis amena e melloras no apartado de buscas.
Os catálogos de metadatos permiten facer buscas para atopar toda a información xeográfica que está dispoñible por parte dunha administración pública. Son un requisito fundamental imposto pola Directiva Europea INSPIRE que establece a obriga de publicar en aberto a información xeográfica elaborada polas administracións dos estados membros.
A solución elixida para a creación do catálogo de metadatos da IDEE é Geonetwork, unha solución de software libre, amplamente empregada para este tipo de catálogos por moitas administracións públicas e entidades en todo o mundo.
