Mancomún

Nova versión estable de LibreOffice, recomendable para contornos corporativos

Luns, 20 Xuño 2011

Logo de LibreOfficeSegundo nos informan dende o proxecto galego de LibreOffice, o pasado 16 de xuño a Document Foundation anunciou a dispoñibilidade da suite LibreOffice 3.3.3, unha nova edición da versión máis estable da suite libre de produtividade de oficina, recomendable para grandes entidades ou institucións así como para contornos críticos de produción.

Esta nova versión resolve varios defectos e mellora a seguranza da suite, con especial énfase nas necesidades de implantación en entidades, onde a estabilidade é máis importante que as funcionalidades novidosas. Esta ramificación será sostida ata finais de ano, para permitir unha transición suave e segura á futura versión estable LibreOffice 3.4.x.
LibreOffice 3.3.3 está dispoñible para Windows, MacOS X e Linux (DEB e RPM), en máis de 100 idiomas diferentes entre os que por suposto está o galego. Isto supón máis de dúas veces da cobertura idiomática dos produtos privativos comparables.

LibreOffice 3.3.3 xa está dispoñíbel para descarga desde o seguinte enderezo: http://www.libreoffice.org/download e poden lerse os cambios realizados nas notas de versión.

Versión dirixida a usuarios finais e desenvolvedores: LibreOffice 3.4.0

O pasado 3 de xuño a Document Foundation tamén anunciou a versión LibreOffice 3.4.0, mais esta rama polo momento está pensada e dirixida aos colaboradores do proxecto e aos usuarios potenciais ou ávidos de novidades que non lles preocupa tanto a estabilidade como dispoñer de novas funcionalidades, e non se recomenda o seu uso en contornos corporativos.

A Document Foundation explicou hai uns meses que seguindo a súa planificación temporal de versións, as mellores versións para os contornos corporativos serán a partir de versión x.x.1 Debido a isto a versión LibreOffice 3.3.x manterase durante varios meses máis, ata finais de 2011.

LibreOffice 3.4.0 é a segunda versión maior da suite dende que en setembro de 2010 anunciárase a creación da Document Foundation e inclúe contribucións de máis de 120 desenvolvedores. A maioría destes colaboradores teñen comezado a traballar no código hai menos de oito meses o que supón un incrible fito xa que lembremos que o proxecto OpenOffice.org non chegou a atraer ese número de contribuidores nos últimos dez anos. “Preocupámonos dos nosos desenvolvedores e iso nótase”, comenta Italo Vignoli, membro do Steering Committee e portavoz da TDF. “Os nosos desenvolvedores principais idearon o mecanismo de “hacks sinxelos” que fai que sexa doado e agradable para os colaboradores voluntarios conseguir coñecer o código de LibreOffice desafiando as súas habilidades de desenvolvemento con tarefas básicas ou elementais

Unha vez que completan os seus primeiros hacks, os colaboradores están listos para realizar tarefas máis complexas” di Michael Meeks, desenvolvedor senior que traballa para SUSE. “Investimos moito tempo titorizando novos colaboradores co obxectivo de incrementar o número de persoas traballando na corrección de erros, creación de parches ou novas funcionalidades. Isto verase reflectido moi pronto na calidade do produto e no número de novas características das próximas versións”.

LibreOffice 3.4.0 ofrece novas características para Calc, cun maior rendemento e mellor compatibilidade con follas de cálculo de Excel, e Táboas Pivote -o novo nome para os Pilotos de Datos- sen limitación no número de campos e rangos con nome como fontes de datos. A interface de usuario de Writer, Impress e Draw mellorouse con moitas novas funcionalidades e algúns cambios estéticos aplicados á versión para o sistema operativo Linux.

Respecto aos cambios no código, traducíronse varios miles de liñas de comentarios de código do alemán ao inglés e elimináronse unhas 5000 liñas de código moito de Writer, Calc e Impress.

LibreOffice 3.4 pode descargarse dende http://www.libreoffice.org/download e está dispoñible integramente en galego. Tamén é posible consultar a lista completa de novas características e correccións.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal