- A plataforma eBox cambia o seu nome a Zentyal.
- Publicada a versión estable Zentyal 2.0 e a nova política de liberación de versións.
- Dispoñible a nova versión de Zentyal Cloud (antes Centro de Control eBox)
No último mes a plataforma eBox presentou algunhas novidades de interese que vos resumidos de seguido. A primeira das novidades é o cambio de nome.
Dende o 1 de setembro deste ano, a plataforma eBox pasou a chamarse Zentyal. Segundo os seus desenvolvedores, o obxectivo deste cambio é reflectir con maior precisión as características do produto e os servizos baseados nel, logo de 7 anos de vida deste proxecto.
En palabras de Ignacio Correa, Director Xerente de eBox Technologies (que tamén muda o seu nome a Zentyal), “ O proxecto eBox Platform evolucionou, medrou e, naturalmente, os seus obxectivos transformáronse desde as súas orixes tras sete anos de desenvolvemento. Con este cambio, queremos asegurar que o produto reflicte con maior precisión o que ofrece. O nome actual de eBox Platform suxire que o software vén integrado nun hardware de servidor, pola palabra "Box". Con todo, eBox Platform é puramente software de servidor que vén acompañado de servizos de subscrición baseados na nube.”
O nome Zentyal provén da fusión de dúas palabras: "Zen" que representa calidades como a intuición e o equilibrio – a facilidade de levar a cabo tarefas a través da intuición – e "Essential" que representa calidades tales como básico, fundamental e necesario. Esta combinación aseméllase moito ao obxectivo principal do proxecto: facer que algo tan esencial como a xestión de redes sexa fácil e segura.
O cambio de nome fíxose coincidir coa publicación da nova versión estable Zentyal 2.0. Zentyal (antes coñecido como a plataforma eBox) é un servidor Linux para pemes que pode empregarse como porta de enlace (gateway), xestor unificado de ameazas (UTM), servidor de oficina, xestor de infraestrutura, servidor unificado de comunicacións ou unha combinación destas funcións. O desenvolvemento de Zentyal comezou no ano 2004 e agora é xa unha solución de servidor Linux de nivel empresarial que integra máis de 30 ferramentas de xestión de rede de código aberto nunha única tecnoloxía.
Zentyal 2.0 baséase na distribución Ubuntu 10.04 LTS e supón a actualización de todos os compoñentes do servidor, garantindo un maior nivel de seguridade , funcionalidade e compatibilidade co hardware. Ademais desta actualización, tamén se inclúen novas funcionalidades e importantes melloras na usabilidade, rendemento e robustez do software. Cabe destacar as melloras introducidas na xestión do software a través dun instalador gráfico e asistentes de configuración automática, a notable mellora na velocidade do servidor grazas ao novo motor de configuración. Entre as novidades destacan o novo modo “bridge” que simplifica os despregues en redes preexistentes ou o servidor de FTP, módulo altamente demandado polos membros da comunidade Zentyal. Finalmente integrouse Zarafa como solución de traballo en grupo para a compartición de calendarios, contactos e tarefas.
Política de publicación de versións.
O 15 de setembro, o equipo de desenvolvemento de Zentyal, fixo pública a súa política de publicación de versións, que define por vez primeira a frecuencia e calendario de publicación e os tempos de soporte para as versións estables.
Ata o momento, seguían un ciclo de versións semestral, engadindo novas funcionalidades en cada nova versión, mais agora, consideran que é o momento de mudar o enfoque priorizando a estabilidade e o soporte a longo prazo fronte ás novas funcionalidades, que por suposto, non deixarán de engadir. Así de agora en diante, publicarán unha versión estable anual no mes de Setembro. O desenvolvemento conxelarase en Xuño, tendo pois 3 meses de cara á estabilización e publicación da versión estable.
En canto ao período de soporte, durante 3 anos dende a publicación da versión estable garanten a resolución de todas as incidencias de seguridade así como a comercialización dos servizos de soporte.
Finalmente, a última das novidades é a publicación da nova versión de Zentyal Cloud, anteriormente coñecida como Centro de Control eBox. Zentyal Cloud, construído sobre o servidor Zentyal, ofrece servizos baseados na nube que permiten manter os servidores Zentyal sempre actualizados e seguros. Ademais, Zentyal Cloud tamén permite aos usuarios xestionar múltiples servidores Zentyal de forma remota.
Novidades incorporadas nesta nova versión de Zentyal Clo
- Nova subscrición adicional chamada “Actualizacións Avanzadas de Seguridade”. Este servizo inclúe as actualizacións do IDS, Proxy HTTP, Antispam, Antivirus e Anti-Malware, garantindo unha maior protección contra ataques, phishing, software falso, virus, spam de imaxes, malware e moito máis. As actualizacións diarias de seguridade son verificadas por especialistas en seguridade e aplícanse de forma automática nos servidores Zentyal.
- Multiidioma. Esta característica permite aos usuarios e aos seus clientes dispor da interface de usuario así como dos informes no seu propio idioma. Na actualidade, Zentyal Cloud está dispoñible en inglés e en español, pero agardan anunciar a dispoñibilidade doutros idiomas en breve.
- Melloras nos informes sobre o rendemento do sistema e as alertas.
Para obter acceso aos servizos de Zentyal Cloud é posible adquirir unha Subscrición Profesional ou Empresarial ao Servidor. Tamén é posible probar Zentyal Cloud de xeito gratuíto coa Subscrición Básica ao Servidor. A Subscrición Básica permítelle gardar a copia de seguranza de configuración de forma remota, recibir alertas sobre a conectividade do seu servidor Zentyal, sobre as actualizacións dispoñibles ou sobre as copias de seguridade automáticas fracasadas. Ademais, a Subscrición Básica permítelle coñecer todas as características adicionais das subscricións.
Zentyal en Galicia
Lembremos que na nosa comunidade existen numerosas empresas que ofrecen servizos de implantación desta plataforma, como se pode comprobar no catálogo de AGASOL: Aitire, Conexiona, Redegal, Tegnix, Ultreia e Wireless Galicia.
