Novell, unha das grandes empresas do SwL acaba de anunciar que está desenvolvendo unha versión de Moblin para SuSE Linux, optimizada para os coñecidísimos netbooks baseados no chip Intel Atom.
Intel xa anunciara no pasado abril que cedía o control da súa pila, baseada en Linux, para o dispositivo móbil sen ánimo de lucro da Linux Foundation (LF). No seu novo papel de "aloxadora" da comunidade de fonte aberta Moblin.org, o LF ofreceralle "apoio técnico" ao grupo – e, seguramente evolucionará a pila para abrirse a outras plataformas, ademais da Atom de Intel.
Por outro lado, Intel e Novell anuncian hoxe tamén o inicio dunha asociación para colaborar e incentivar os fabricantes de equipos orixinais (OEM) e os fabricantes de deseños orixinais (ODM) para que adopten a distribución Moblin baseada en Linux.
Como parte do acordo con Intel e Moblin.org, Novell vai estabelecer un grupo Open Labs en Taiwán "para fomentar a adopción de Moblin", di a empresa. Novell tamén vai traballar co Moblin Enabling Center (MEC) de Taiwán, unha joint venture entre Intel e o Instituto de Información da Industria de Taiwán.
Novell, pola súa parte, tamén parece estar promovendo activamente a tecnoloxía. A distribución de Novell estará baseada en Moblin v2 para netbooks, unha versión da segunda xeración da pila claramente enfocada a netbooks máis que a anterior versión, que tiña o seu foco en dispositivos móbiles de Internet (MID). Moblin v2 xa dispón da segunda versión alfa e espérase unha versión beta moi en breve. Entre outros avances, a distribución iníciase máis rápido, dispón dun xestor de conectividade ConnMan e Moblin Image Creator (MIC2), e novos compoñentes do núcleo Moblin, que inclúen Clutter.
Novell xa é un membro da comunidade de fonte aberta Moblin.org e, segundo afirma, ten feitas contribucións claves características do sistema operativo, como as xanelas, correo electrónico e xestión de medios e recursos.
A fusión Moblin/SuSE
De acordo con Guy Lunardi, director de Client Preloads en Novell, "é moi posíbel que se vexa a Novell no mercado con netbooks OEM en preinstalación dentro de poucas semanas despois do lanzamento final da Moblin 2.0." A nova e, aínda, sen bautizar distribución, vai parecer máis unha versión Moblin de SuSE que unha versión de SuSE Moblinizada, e será ofrecida a un amplo conxunto de OEM e ODM.
SuSE Linux actualmente ofrécese como unha opción na instalación do MSI Wind netbook, aínda que MSI ten estado recentemente empurrando mais as súas versións de Windows XP, con declaración dalgún executivo que afirmaba que as versións de Linux non se estaban a vender.
Aínda que altamente consideradas no mundo corporativo, a versión SLE de SuSE (SUSE Linux Enterprise) diríxese principalmente a ambientes corporativos, e carece dalgúns dos recursos orientados ao consumidor noutras distribucións como Ubuntu. A SLE de Suse basease en gran medida na versión sostida pola comunidade que ofrece, esta última, un enfoque máis amplo e, como a maioría das distribucións de Linux nestes tempos, vai gradualmente en aumento o seu interese en achegarse aos usuarios menos técnicos.
Fonte: Desktoplinux.com
