Mancomún

Novidades no caso SCO

Mércores, 26 Agosto 2009

SCOUnha resolución dun tribunal de apelacións acaba de revogar unha decisión tomada en 2007 polo xuíz Dale Kimball que afirmaba que Novell era o propietario dos dereitos de Unix e UnixWare. Este feito deixa a SCO o camiño aberto para proseguir cunha demanda de 1.000 millóns de dólares contra IBM por incumprimento de patentes.

Este é só o último capítulo dunha longa historia de demandas e visitas aos tribunais, da que xa temos dado conta nesta páxina.

A historia comeza en 1993 cando Novell pagou máis de 300 millóns de dólares pola compra de Unix System Laboratories, propietario dos dereitos e licenzas de Unix. Dous anos máis tarde Novell decidiu vender o negocio Unix a SCO. As dúas compañías mantiveron diferentes posturas respecto de se a venda incluía a propiedade dos dereitos de código, pero o caso é que en 2004 Novell afirmou posuír os dereitos de Unix despois de que SCO decidise presentar unha demanda un ano antes para facer cumprir o copyright de Unix.
En 2003 SCO afirmou que Linux era unha derivación ilegal do código de Unix, que a compañía comprara a Novell, e iniciou a súa particular cruzada escollendo a IBM como o seu primeiro obxectivo nunha demanda de 1.000 millóns de dólares afirmando que a compañía violara os dereitos de SCO contribuíndo con código proveniente de Unix a Linux.

Microsoft uniuse ao combate acordando licenciar código Unix a SCO e utilizando esta asociación para alimentar a confusión sobre as licenzas de código aberto e a responsabilidade que puidesen ter os usuarios corporativos. E é que SCO adicouse a enviar cartas a grandes compañías advertíndolles de que se empregaban Linux poderían violar a propiedade intelectual de SCO, que foi cando Novell reclamou a propiedade de Unix.

En agosto de 2007 o xuíz Dale Kimball déralle finalmente a razón a Novell, facéndoa propietaria dos dereitos de autor de Unix e UnixWare e impoñendo a SCO unha multa de 2.500 millóns de dólares. Pouco despois SCO anunciou a súa quebra. Aínda que dende a comunidade do software libre se percibira a decisión do xuíz como a fin dos litixios e do caso SCO, a realidade parece ser outra.

Fonte: www.itespresso.es

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal