Mancomún incorpora a partir de hoxe máis materiais ao seu fondo de corpus lingüístico.
En concreto, ampliamos o Corpus coa tradución do software de virtualización para SO de Sun VirtualBox 3.0.8 feita en colaboración coa Oficina de Software Libre da USC e o aplicativo de xestión de desenvolvemento de proxectos informáticos ou informatizados (código, documentación, etc) FusionForge 4.8.1.Do cal xa informamos máis en detalle hai uns días.
Ademais tamén se incorpora o Glosario de localización publicado hai uns meses e cremos que con isto o Corpus de Mancomún gaña en exhaustividade respecto do traballo de localización de Mancomún e representatividade en xeral sobre terminoloxía da localización ao galego. Desde o punto de vista práctico tamén favorece a integración de fontes de consulta en liña para o tradutor.
O Corpus, a través da ferramenta de consulta sobre traducións anteriores permite un constante traballo de homoxeneización e depuración que é parte importante da mellora no nivel de calidade das versións galegas do software das que o noso Centro leva o desenvolvemento nos últimos anos, pero tamén é unha ferramenta e un fondo documental moi importante para calquera que se dedique profesionalmente ou como afeccionado á localización ou á investigación lingüística.
Esperamos dentro de pouco a integración da nova xeración de aplicativos da Fundación Mozilla que están no forno, case listos : Firefox, Thunderbird, Fennec, Seamonkey, á que se sumará tamén antes de finais de ano a nova versión 3.2 de openOffice.org.

