Ademais de dar detalles sobre cada un destes lanzamentos, Diéguez refírese tamén ao blog Traducción y mundo libre como un lugar de gran utilidade nas labores de tradución, ao ofrecer unha análise actualizada das novas neste campo e recoller unha extensa listaxe de aplicativos libres de utilidade.
Reproducimos a continuación os comentarios de Fran Diéguez con respecto ás novas sinaladas.
Nova versión beta do Pootle 1.3
Despois de moito tempo chega a terceira beta da nova versión de Pootle que segundo recollen na súa páxina oficial incrementa o rendemento e estabilidade dunha maneira pronunciada.
Engaden tamén nova funcionalidade sobre todo centrada na administración baseada en web e non mediante consola, como viñan facendo deica agora. Engadiuse a posibilidade de dar permisos a usuarios e grupos mediante web; importar modelos de tradución (ficheiros POT) o que significa a xestión íntegra dunha tradución, dende o importado inicial ata a finalización do proxecto; RSS de novas por linguaxe e proxectos; redución da dificultade de cambiar aparencia da interface mediante modelos de Django;
Ademais Pootle agora fai un uso extensivo da caché para incrementar a velocidade das estatísticas de tradución e incremento de rendemento. Coa posibilidade de empregar memcache, un servidor de caché en memoria moi avanzado, no servidor.
Logo de anunciar o "feature freeze" agora están centrados en incrementar a estabilidade e rendemento. Para máis información comproba o ficheiro README e http://translate.sourceforge.net/wiki/pootle/installation_1.3beta para as instrucións de instalación.
Nova versión de OmegaT 2.0.3_2
Realmente recomendábel fronte á versión 1.8. Engade asistencia para novos formatos: como subtítulos .srt (implementado na versión 2.0.0), QuarkXPress CopyFlow Gold (.tag, .xtg) (v. 2.0.0), ResX (v. 2.0.2) e ficheiros LaTeX (v. 2.0.3).
Engadiuse o acceso a dicionarios StarDict, tanto monolingües como bilingües, que deben engadirse ao cartafol (dictionary). E acadouse un grande avance na xestión de memorias e glosarios, dende a versión 2.0.0_1 implementouse un algoritmo de stemming para recuperar as coincidencias. Para utilizar esta función débese descargar o primeiro complemento oficial de OmegaT: tokenizers. Para as memorias, no panel de coincidencias veremos que agora se calculan tres porcentaxes de similitude: con stemming/sen stemming/considerando etiquetas, puntuación, números, etc.
En canto aos glosarios, outra mellora que merece ser destacada é que, a partir da versión 2.0.3, os cambios se detectan automaticamente cada minuto, o que quere decir que xa non é necesario recargar o proxecto manualmente logo de agregar/modificar entradas.
Por último, a gran novidade na versión 2.0.3_2 é a facilidade de instalación grazas á implementación de Java Web Start. Se xa temos o contorno de execución de Java (JRE), sen importar cal sexa o noso sistema operante- pódese descargar dende esta páxina- e Java Web Start ocúpase de descargar e iniciar OmegaT, co que nun abrir e pechar de ollos podemos comezar a traducir en calquera computador cunha conexión a internet.
Ademais pódese intuír que incluirán a tradución mediante google translate xa que existe unha entrada no menú, máis non consigo facelo funcionar.
Novo aplicativo libre para tradución distribuída: CrowdSight
Fai un mes lanzouse oficialmente CrowdSight, una aplicativo web 2.0 para tradución distribuída que se integra con GlobalSight, o TMS (sistema de xestión de traducións) de código aberto desta empresa.
CrowdSight é, pois, un aplicativo pensado sobre todo para organizacións que publican contidos dinámicos multilingües nos seus sitios web e que necesitan traducións de calidade en curto tempo e a un baixo custo, xa que permite integrar tradución automática, comunidades de voluntarios e tradutores e revisores profesionais mediante unha plataforma que ofrece á organización funcións avanzadas para a xestión de proxectos e recursos e aos tradutores unha interface fácil de empregar.
CrowdSight constitúe un importante avance que xorde como resposta ás necesidades do mercado en termos de tradución de contidos coa participación de comunidades de voluntarios, pero ofrecendo ás organizacións todo o control e a funcionalidade dos sistemas de xestión propios da industria da tradución.
Para os interesados en coñecer máis sobre CrowdSight vaise facer unha presentación na Action week for Global Information Sharing (AGIS’09) en Limerick, Irlanda.
Fonte: GLUG.es
