Polo mes de xullo dende Mancomún.org informamos dunha iniciativa chamada Open-PC, que tiña como obxectivo producir un computador persoal baseado en software libre, cunha configuración completamente compatíbel asistida por controladores libres e cun conxunto de aplicativos ben probados nel.
Recentemente dende o proxecto informaron dos últimos progresos, como por exemplo que xa teñen un prototipo funcional e que pronto darán a coñecer a configuración de hardware e o prezo definitivos.
Grazas á masiva participación na primeira enquisa, que fixeron para compilar información sobre as preferencias das potenciais persoas usuarias, e na cal participaron máis de 12.000 persoas, definíronse algunhas das principais características fundamentais do Open-PC. A novidades máis salientábeis son:
-
O contorno de escritorio será KDE
-
O navegador predeterminado será Firefox
-
O reprodutor multimedia será Amarok
-
O primeiro Open-PC será un Nettop, aínda que tamén cabe a posibilidade de que sexa un netbook
Os responsábeis deste proxecto publicaron unha segunda enquisa, desta volta cun enfoque máis comercial que técnico e que tan só consta de nove preguntas. Como xa se fixo coa primeira enquisa, esta tamén é anónima.
Para o desenvolvemento do sistema operativo do Open-PC planease iniciar un proxecto no Build Service de OpenSUSE para que todos poidan participar.
Fonte: Viva Linux!
