Mancomún

Novidades para a futura versión 2.8 de GIMP

Martes, 8 Setembro 2009

"Moi probabelmente GIMP 2.8 lanzarase en 2009, así que chegou o momento de botarlle un ollo á versión de desenvolvemento actual. Hai moitas novas características interesantes, pero a que nos parece máis importante é a posibilidade de agrupar capas."

Deste xeito comeza un artigo na páxina gimpusers.com, no que se dá conta das novidades que se incluirán no próximo GIMP 2.8. O artigo está escrito empregando GIMP 2.7.

As características máis destacadas son:

  • Grupos de capas: Agora será posíbel agrupar distintas capas en cartafoles, ao estilo dunha árbore. Podes mover e ocultar ou mostrar todas as capas, ou un grupo de cada vez, así que será finalmente posíbel crear deseños complexos sen perderse.
  • Pinceis rotativos e modificábeis: Agora poderanse rotar os pinceis de pintura ao noso antollo, así como estiralos ou encollelos tanto no eixo vertical como no horizontal.
  • A dinámica do pincel ampliouse, e agora incluirá a rotación, inclinación e relación de aspecto.

  • Etiquetado de recursos: poderase etiquetar todo tipo de recursos do GIMP (pinceis, fontes, patróns, gradientes…), e poderanse filtrar logo, o que permitirá xestionar grandes cantidades de recursos moi sinxelamente.
  • Edición de texto no lenzo. Xa non se usará a xanela de entrada de texto, aínda que será posíbel usala se así o queremos.
  • Texto a camiño” móvese ao menú contextual.
  • Poderanse facer cálculos nos campos de entrada. Por exemplo, poderase redimensionar unha imaxe a “2*100px+1polgada”. Estes cálculos transformaranse á unidade axeitada.
  • Engadiuse un novo gradiente, un gradiente "duro" entre as cores de primeiro e segundo plano
  • Os modos de capas agrúpanse por contexto para facilitar o seu uso.
  • Xa non se poderá exportar a jpg ou png dende o diálogo de Gardar. Haberá que empregar o de Exportar. O diálogo de Gardar empregarase só para o formato xcf (o formato nativo do GIMP)
  • Poderase exportar a paleta de cores facilmente a CSS, PHP, Java, Python ou texto plano. Para PHP, Python ou Java, as cores declararanse como variábeis. Para CSS, crearanse clases sen nome. Se se escolle texto plano, exportarase unha lista de códigos en hexadecimal.

Hai moitos máis cambios: dende cambios na IGU como que ao estar minimizado, as xanelas de ferramentas non se mostrarán, ou que o botón de pechar só pechará as xanela de ferramentas, novos atallos de teclado, a integración coa biblioteca GEGL

Pódese ver a lista completa, con capturas de pantalla, en inglés, neste enderezo. Dende esa páxina, tamén se pode consultar o texto orixinal (en alemán), e mesmo unha tradución ao coreano.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal