A comunidade de desenvolvedores de Ubuntu, decidiu na súa última xuntanza realizada no mes de maio en Barcelona, que a nova Ubuntu 9.10 traerá como aplicativo predeterminado para a mensaxería instantánea e para a comunicación por VoIP o programa Empathy de Gnome. Como consecuencia disto, xa non virán preinstalados nin Pidgin nin Ekiga, o que non significa que non se poidan instalar a posteriori.A principal motivación que levou ao equipo encargado do desenvolvemento do contorno de escritorio de Ubuntu a tomar esta decisión, que xa levaban tempo meditando e analizando, foi seleccionar o aplicativo que mellor resolva as necesidades dos seus usuarios primando a facilidade de uso e a integración con Gnome. A inclusión de Empathy en Gnome dende a versión 2.24 foi un tanto a favor deste aplicativo. Ademais, tendo en conta a cada vez maior importancia das comunicacións por VoIP, a súa integración co aplicativo de mensaxería instantánea supón unha gran mellora na xestión das comunicacións dos usuarios.
Vendo comparacións entre ambas as dúas solucións, agás pola posibilidade de videoconferencia, que é a principal eiva de Pidgin na que levan xa tempo a traballar, todas son favorábeis a Pidgin xa que é moito máis completo. As súas posibilidades de configuración son moito maiores, o número de extensións existentes para ampliar as súas capacidades son infinitas, a comunidade de desenvolvedores e usuarios que hai tras del é moi numerosa.
Mais, a última tendencia en Ubuntu é primar a facilidade de uso dos seus aplicativos predeterminados de cara aos usuarios noveis do sistema operativo, en detrimento de aplicativos máis completos pero en consecuencia máis complexos. En defensa desta postura alegan que os usuarios máis experimentados sempre teñen a opción de instalar a posteriori os seus aplicativos favoritos.
Fonte: Wiki de Ubuntu
