Mancomún

Novo artigo tecnolóxico adicado a Prestashop, unha solución de software libre para montar unha tenda en liña

Luns, 16 Maio 2016

Logo PrestashopHoxe publicamos un novo artigo na sección de Artigos Tecnolóxicos, orientados a mostrar solucións de Software Libre que poidan ser de interese para as empresas. Neste caso falamos sobre Prestashop, unha ferramenta orientada á creación de tendas en liña.

O comercio electrónico está cada vez máis presente no noso día, sendo cada vez máis habitual que merquemos todo tipo de productos a través de Internet. Este crecemento que segue a ser constante nos últimos anos, fai que cada vez máis empresas vexan como unha oportunidade a creación de tendas en liña para a venda dos seus productos.

Neste artigo entrevistamos a dúas empresas que deron o salto á nube e crearon a súa tenda en liña para vender os seus productos, trátase de Kukin Calzado Infantil e de Natural Smart Beauty S.L., que nos falarán dende o punto de vista de usuarios da ferramenta PrestaShop. Así mesmo e como ven sendo habitual neste artigos, contaremos tamén co punto de vista de dúas empresas que ofrecen servizos sobre á mesma, neste caso entrevistamos a Initcoms e Redegal son dous provedores galegos de PrestaShop.

PrestaShop

PrestaShop é un sistema de xestión de contidos ou CMS, como son comunmente coñecidos polas súas siglas en Inglés, con licenza libre. A súa principal aplicación é a creación de tendas de comercio electrónico.

É un dos software máis utilizados hoxe en día para a creación de tendas en liña, non só no ámbito do software libre senón de xeito xeral entre todos os software que existen para este campo. Calcúlase que o volume de tendas en liña que o estaban a empregar con data de 2015 era de máis de 250.000 en todo o mundo.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.

Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, que permite obter unha instancia dunha aplicación de Software Libre, para poder probala sen necesidade de facer unha instalación propia. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal