Hoxe publicamos un novo artigo na sección de Artigos Tecnolóxicos, orientados a mostrar solucións de Software Libre que poidan ser de interese para as empresas. Neste caso falamos de Chamilo LMS, unha solución para formación en liña.
Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de Contidos Dixitais, unha empresa galega que leva tempo adicada a montar este tipo de plataformas e que está moi implicada no desenvolvemento de Chamilo LMS. Falamos con eles para que nos conten máis sobre esta solución.
Dende o outro punto de vista, falamos tamén cunha empresa que implantou esta solución, Emana, unha empresa especializada na formación e coaching que apostou por Chamilo LMS para ofrecer os seus servizos.
Chamilo LMS
Chamilo LMS ou Chamilo Learning Management System é un software que permite crear un campus virtual para a impartición de formación en liña ou na modalidade semi-presencial.
É unha solución de software libre que se distribúe baixo a licencia GNU GPL versión 3, impulsada por unha asociación co mesmo nome, que dende 2010 se encarga do seu desenvolvemento.
A filosofía de Chamilo é a de ofrecer unha solución que sexa sobre todo sinxela de usar para calquera tipo de institución ou entidade. A pesar de ser unha ferramenta que conta con apenas 5 anos de vida, máis de 11 millóns de usuarios en todo o mundo confían xa nela para ofrecer os seus cursos.
Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia
Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.
Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.
E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, que permite obter unha instancia dunha aplicación de Software Libre, para poder probala sen necesidade de facer unha instalación propia. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.
