Mancomún

Novo curso de verán da USC: Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas FLOSS

Venres, 17 Xuño 2011

Curso de boas prácticasA OSL da USC infórmanos da apertura do prazo de inscrición dun novo curso dos 4 que impartirá este ano na Universidade de Verán da USC.

Así ata o vindeiro día 8 de xullo é posible inscribirse no curso Boas prácticas na informática e na Internet con ferramentas FLOSS.

As xornadas están abertas ao público en xeral que desexe mellorar no seu uso do computador, sendo de especial interese para os profesores do Plan Abalar, que utilizan sistemas operativos e ferramentas libres, polas boas prácticas que se amosarán para o seu traballo diario co computador na aula.

As xornadas terán unha duración de 15 horas distribuídas de 9:00 a 14:00 horas os sábados, 23 e 30 de xullo, e o 6 de agosto e tramitouse o seu recoñecemento como curso puntuable para o profesorado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, estando só pendente da resolución final por parte da administración educativa.

O curso celebrarase na Escola Galega de Administración Pública, sita na Rua Madrid, nº 2 – 4, Santiago de Compostela.
Durante os tres días das xornadas veranse dende aspectos puramente técnicos para tirar bo proveito dos interesantes recursos e ferramentas libres que existen hoxe en día a dispoñibilidade de todos os usuarios para a comunicación por Internet, ata consellos chave para unha boa sociabilidade coa nosa intimidade protexida e prestando atención á seguridade. En resume, este curso é un bo repaso a todas esas boas prácticas que sempre lembramos tarde de mais. O programa é o seguinte:

Sábado 23 de xullo

  • Os estándares e a súa importancia (Unha visión práctica)
  • Como compartir/usar a información
  • A túa seguridade

Sábado 30 de xullo

  • Boas prácticas na ofimática
    • En que formato comprimo?
    • Que formato emprego para os meus documentos?
    • Como “compartir vs gardar” a información
  • Documentos de texto e presentacións
    • Estilos, índices automáticos , uso de modelos, combinar correspondencia
    • Regras básicas para as presentacións
  • Ferramentas útiles na ofimática
    • Xeración e edición de PDF, creación de mapas mentais, mapas conceptuais e diagramas.

Sábado 6 de agosto

  • A comunicación na rede
    • A mensaxería instantánea (o chat)
    • O correo electrónico, como escribir un correo, filtros, respostas predeseñadas, netiqueta, convivir co spam e o pishing.
    • As redes sociais
  • Mellorando a túa experiencia na Internet
    • Recursos e servizos web: servizos de presentación, de almacenamento, de compartimento de documentos. Conversión de formatos de ficheiros
    • Calendarios
    • Axendas

O prazo de inscrición está aberto ata o día 13 de xullo de 2011. A matrícula pode realizarse ben por internet ou ben presencialmente, na Secretaría da Universidade de Verán, Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro s/n, Santiago de Compostela ou na Secretaría da Universidade de Verán, Área de Cultura do Campus de Lugo, Pazo de Montenegro, Praciña da Universidade, Lugo. Recoméndase consultar a normativa reguladora da universidade de verán.

O custe de matrícula é de 70 € con carácter xeral e de 40 € para estudantes de calquera universidade ou en estudos de formación profesional, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal