Dende a OSL da USC achégannos os datos de valoración do último dos seus cursos da Universidade de Verán que como colofón da súa acción formativa estival ten tamén unha valoración extraordinaria.
O curso de Deseño e autoedición con Software Libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico tivo moi boa acollida de público pois do total de 50 prazas dispoñibles matriculáronse 48 persoas, das que finalmente só puideron asistir 43 con regularidade.
De igual xeito que aconteceu co curso Aprende traducindo, destaca a alta participación feminina neste curso acadando un 50% de mulleres entre o alumnado. En canto á procedencia dos asistentes maioritariamente eran estudantes da USC residentes no contorno de Santiago de Compostela.
Durante as 15 horas de duración do curso, os docentes, Denís Fernández Cabrera e Tomás González Ahola, tentaron romper co mito habitual que presenta ao software libre como unha ferramenta útil soamente para enxeñeiros e programadores, achegando as ferramentas libres existentes hoxe en día para os procesos de creación gráfica (logotipos, ilustracións, deseño de imaxes corporativas) e autoedición (libros, revistas, folletos…). Así, presentaron de xeito obxectivo as virtudes e defectos dos principais aplicativos deste campo ( Gimp, Inkscape e Scribus) iniciando ao alumnado no manexo dos mesmos, no estado real da autoedición con software libre e sobre as perspectivas de futuro.
O grao de satisfacción co curso é excelente pois arredor do 90% do alumnado amosou ter un alto grao de satisfacción tanto co resultado do curso como coa cobertura das súas expectativas e un só un 3% manifesta estar pouco satisfeito. O 89% do alumnado recomendaría o curso a outras persoas o que supón un recoñecemento á labor do profesorado deste curso así como ao persoal da OSL da USC pola excelente organización do mesmo.
