Esta tarde, a partir das 17:00 horas, GPUL desenvolve un novo HackLab de impresión 3D. Terá lugar no laboratorio 0.1w da Facultade de Informática da Coruña.
Este HackLab é a continuación do realizado en Outubro do pasado ano, co que GPUL anunciaba o inicio da súa andaina no mundo do hardware libre cunha serie de obradoiros co obxectivo final de rematar montando unha impresora 3D, partindo da información dispoñible no proxecto Clone Wars onde documentan como crear a nosa propia impresora 3D.
Dende GPUL agradecen que as persoas interesadas neste HackLab que non se teñan inscrito no formulario do evento, que o fagan tan pronto poidan aínda que non poidan acudir a esta sesión.
A idea do HackLab é a de crear un grupo de traballo cooperativo de carácter aberto e fomentando a aprendizaxe autónoma e cooperativa de todos membros.
Dende GPUL recordan que aínda que se está a montar a impresora 3D para GPUL o evento está aberto a todo o público, e mesmo se alguén ten unha impresora para montar que a leve para poder aprender todos xuntos como funciona este mundo.
