Mancomún

Novo obradoiro de estatística co software R en Vigo

Venres, 11 Abril 2014

O vindeiro sábado 26 de abril, dentro do 2º ciclo de Sábados Libres na Altamar de GALPon, celebrarase o segundo obradoiro de “Estatística con R”. Lembrar que R ten a dobre natureza de programa e de linguaxe de programación multiplataforma para a análise estatística e realización de gráficos. Actualmente considérase a lingua franca do analista de datos e estase a utilizar en numerosos campos relacionados, dun ou doutro xeito, coa estatística.

Banner do ciclo do sábados libres na altamar

Desta volta o obradoiro estará dirixido por Miguel Anxo Rodríguez Muíños, técnico informático na Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Consellería de Sanidade. Xunta de Galicia.

O obradoiro terá unha unha primeira parte adicada coñecer as diversas opcións de interfaces gráficas de usuario para a linguaxe R existentes e para que serve cada unha delas, e unha segunda parte máis avanzada de desenvolvemento de entornos gráficos propios e creación e publicación de paquetes para distribuír os nosos programas.
Horario:
Pola mañá: de 10.00 a 14.00 (cunha breve parada sobre as 11.50 para botar un café)
Pola tarde: de 16.00 a 18.30 (o remate pode prolongarse en función dos contidos)

O programa do obradoiro será o seguinte:

  • Introdución
    • R como linguaxe de programación (algo mais que un software estatístico)
  • Entornos de usuario para R
    • Rstudio
    • RCommander
    • Deducer
    • RKward
  • Desenvolvemento de entornos gráficos para os nosos programas
    • gWidgets2 (tcltk)
  • Distribución e publicación das nosas aplicacións: Creación de paquetes
    • Os repositorios «oficiais»
      • CRAN
      • Bioconductor
    • Creación de paquetes
      • Rtools
      • A función package.skeleton()
    • RStudio

Como vén sendo habitual nestes obradoiros organizados por GALPon, a asistencia é totalmente gratuíta, pero por mor da complexidade do curso e limitación de aforo, existen un número de prazas limitado, concretamente 24 prazas. É obrigatorio por tanto cubrir o formulario de inscricións.

Podedes consultar máis detalle no wiki de actividades de GALPon ou a través do evento en Google+ ou no Twitter coa etiqueta (HT) #SLAltamar

Recomendacións para un mellor aproveitamento do obradoiro

Recoméndase levar xa instalado no voso computador o software R, e Rstudio.
Outra alternativa é utilizar EpiLinux, dende unha máquina virtual ou nun dispositivo/memoria USB. Epilinux é unha distribución GNU/Linux que recompila o software necesario para as persoas que desenvolvan as súas actividades nos campos da epidemioloxía, a bioestatística e os estudos de saúde en xeral. É un proxecto conxunto da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Xunta de Galicia e da Unidade de Bioestatística, Facultade de Medicina, da Universidade de Santiago de Compostela.

Finalmente, para os que o queiran seguir o obradoiro empregando o sistema operativo Windows, poden empregar BioStatFLOSS Portable, un recopilatorio de software portable (non precisa de ser instalado no equipo) que funciona baixo o sistema operativo Windows, e na que se inclúe: R 3.0.2, RStudio 0.97.551 e RCommander 2.0-3, e unha colección preinstalada de paquetes. Ademais tamén inclúe software xenérico, como Firefox ou LibreOffice, e específico para epidemioloxía (OpenEpi, Epidat, …), ou para bioestatística (Scilab, Octave, SofaStats,…).

Este proxecto está desenvolvido fundamentalmente por un equipo de 3 persoas: Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Técnico Informático da Dirección Xeral de Información e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, como Coordinador do Proxecto, Mª Teresa Seoane Pillado, Técnico Bioestatística da Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatídica do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, como asesora experta en bioestatística e Xurxo Hervada Vidal, Subdirector Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, como asesor experto en epidemioloxía.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal