Mancomún

Novo obradoiro "Git nun contorno de traballo privado" nos sábados libres na Altamar de GALPon

Martes, 29 Abril 2014

Logo de GItGALPon, informa que de modo excepcional o vindeiro mes de maio haberá dúas citas no seu ciclo de Sábados Libres na Altamar.

Ademais da programada para o último sábado do mes, o 31 de maio, “Programación orientada a obxectos con Python e Vala”, da que darán cumprida información en breve, infórmannos da celebración dunha nova sesión sobre o sistema de control de versións Git. Debido ao éxito acadado nas anteriores dúas sesións nas que se traballou con este sistema, decidiron programar unha terceira sesión.

O obradoiro correrá unha vez máis da man de Jesus Amieiro Becerra, e celebrarase como sempre na Residencia Altamar de Vigo, o vindeiro sábado 17 de maio. Desta volta o contido xirará en torno a “Git nun contorno de traballo privado”, sendo pois o principal punto a tratar a instalación dun entorno de traballo privado mediante a ferramenta libre GitLab. O programa completarase coa revisión de elementos importantes de traballo con GIT que se quedaron fóra dos anteriores obradoiros.
Programa:

  • GitLab. Instalación, configuración e posta en funcionamento de Git nun entorno de traballo privado.
  • Protocolos en Git: local, SSH, Git, HTTP(S).
  • Rebase.
  • Stash.
  • Uso de submódulos.

Como vén sendo habitual nestes obradoiros organizados por GALPon, a asistencia é totalmente gratuíta, pero dada a complexidade do curso e a limitación de aforo, as prazas dispoñibles son 24, polo que para asistir é obrigatorio cubrir o formulario de inscrición.

Podedes consultar máis detalle no wiki de actividades de GALPon ou a través do evento en Google+.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal