Segundo vos contamos no pasado mes de Xullo, a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MELISA) está a prestar a súa colaboración á iniciativa “Tecnoloxía e software libre en centros penitenciarios galegos” do Programa Voluntariado Dixital. Esta actividade forma parte das actividades que esta asociación desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración para o fomento do software libre asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
Así, se no pasado mes de Xullo, o centro penitenciario de Monterroso foi pioneiro en acoller esta iniciativa, durante os vindeiros meses, entre setembro e decembro, serán os centros penitenciarios de Bonxe (Lugo), Teixeiro (A Coruña), Pereiro de Aguiar (Ourense), A Lama (Pontevedra) e os Centros de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo e Carmela Arias y Díaz de Rábago de A Coruña, os que acollerán novos obradoiros sobre tecnoloxía e software libre.
O proxecto ten como obxectivo promover a inserción laboral dos reclusos á saída de prisión, ofrecendo aos asistentes formación e práctica no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación TIC e no eido do software libre.
Obradoiros teóricos e prácticos
O programa formativo estrutúrase en tres obradoiros tecnolóxicos, que permitirán que os internos das prisións galegas adquiran os coñecementos básicos para poder identificar os compoñentes dun ordenador, instalar e configurar un sistema operativo libre. A través destes obradoiros, impartidos durante 3 días, os internos poderán finalmente verificar o funcionamento de equipos informáticos cos que conta o seu centro penitenciario respectivo para poñer en marcha un aula de informática con software libre e xestionada por eles mesmos.
Para poder acadar os niveis de calidade desexados, seleccionarase un número reducido de presos en cada centro de acordo coa súa formación, intereses, preparación e aptitudes, e en colaboración coa dirección de cada centro. Con eles, formularase un grupo de traballo intensivo, con atención personalizada e conexión permanente na práctica co equipo de formación.
En canto ao perfil dos participantes nos cursos, desde a Asociación sinalan que os interesados en participar non teñen que ter coñecementos de informática, e que o requisito é “que se manexen minimamente cun teclado e un rato.”
Experiencia en Monterroso
Desde a Asociación MELISA, destacan a receptividade da iniciativa por parte dos reclusos do Centro de Monterroso, o primeiro no que impartiron formación xa que os” asistentes adquiren novos coñecementos e os cursos impartidos tamén son útiles para estar entretidos e poder desconectar un pouco da súa rutina diaria” e subliñan que “demandan máis horas dende o primeiro día de clase”.
A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide
Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, MELISA, constitúese formalmente a finais do ano 2008, como resultado das inquedanzas de varios veciños de Melide, amantes da cultura libre e da tecnoloxía en xeral, e están a desenvolver múltiples actividades de difusión e promoción do software libre, alcanzando diferentes sectores sociais; educativo, empresarial, administración, etc.
MELISA é unha asociación adherida ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, e presta apoios dixitais en cinco actividades de fomento do software libre en Galicia. Ademais, está asociación tamén colabora do Plan de acción en materia de software libre da Xunta de Galicia e asinou un acordo coa Amtega para a difusión do software libre en Galicia no que se inclúe esta actuación nos centros penitenciarios galegos.
Programa Voluntariado Dixital e Plan de Software Libre da Xunta 2013
Esta iniciativa enmárcase nos apoios que están a proporcionar os voluntarios do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia. Esta iniciativa, impulsada pola Amtega e a Consellería de Traballo e Benestar o ano pasado, busca incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá dos galegos, facendo especial fincapé nos colectivos de persoas onde a fenda dixital faise máis evidente.
No seu primeiro ano de andaina o Programa Voluntariado Dixital conseguiu a adhesión de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico.
A este apoio de entidades colaboradoras e mecenas dixitais hai que sumar a dos máis de 220 voluntarios que se adheriron á iniciativa e que poñen á disposición das entidades de acción voluntaria o seu tempo e os seus coñecementos naqueles proxectos relacionados coas TIC que se vaian lanzando no marco deste programa. Os únicos requisitos que deben cumprir son ser maior de idade e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.
A iniciativa suma así a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital.
O fomento do Software Libre no programa de Voluntariado Dixital é un dos compromisos recollidos no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
Así mesmo, esta actividade da asociación Melisa de formación nos centros penitenciarios de Galicia forma parte das actividades que a asociación desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para impulsar a promoción e fomento do uso de software libre entre a cidadanía.
Fonte: AMTEGA
