O CNTG vén de incorporar na súa programación formativa 2015/2016 un curso de Linux Essentials (LE) de LPI. Este curso está pensado para iniciarse no uso de sistemas GNU/Linux así como no itinerario formativo de LPI.
A principal novidade é que se trata dun curso que se vai impartir na modalidade de teleformación titorizada, cun total de 50 prazas dispoñibles. O curso terá unha duración de 70 horas e contará co complemento de 5 seminarios web que serán gravados e poderán ser seguidos en directo polo alumnado ou, de ser o caso, visualizados con posterioridade.
Por outra parte, o sistema de admisión de alumnos a este curso tamén é unha novidade. Seleccionaranse entre os/as candidatos/as inscritos/as en calquera das dúas edicións do curso de administración de sistemas operativos Linux (LPI1) que, tras presentarse á proba de selección de dito curso, non acadaran praza no mesmo.
Así os interesados en asistir a este curso de LE deberán inscribirse no curso de LPI1 e presentarse á proba de selección. O prazo de inscrición remata o vindeiro día 22 de setembro.
Linux Essentials
O curso de LE permitirá aos asistentes coñecer os conceptos e compoñentes básicos de Linux, as aplicacións de código aberto propias da contorna laboral, os sistemas de navegación e axuda dun escritorio Linux, a operativa de comandos e arquivos, como facer accesible o sistema e ser capaz de conectarse con outros ordenadores nunha rede local, etc,
O temario a desenvolver incluirá todos aqueles contidos do currículo formativo oficial definido por LPI necesarios para obter a acreditación como "LPI Linux Essentials Professional Development Certificate”. En concreto:
- Aplicacións e licenzas Open Source. Uso de Linux
- Habilidades de liña de comandos
- Ficheiros e directorios
- Arquivo e compresión
- Pipes, redireción e REGEX
- Scripting básico
- Comprensión do hardware do PC
- Xestión de packages e procesos
- Configuración de rede
- Seguridade de sistema e de usuario. Xestión de usuarios e grupos
- Permisos especiais. Ligazóns e localización de ficheiros
O curso impartirase durante os meses de outubro e decembro e as probas certificadoras realizaranse no mes de xaneiro de 2016. Como material de estudo, a maiores do propio da plataforma de teleformación, entregarase un exemplar do libro en castelán recomendado por LPI, “LPI Essentials”, do que é autor Roderick W.Smith.
O curso ten como idioma vehicular o inglés técnico, mais os webinars e o libro de texto estarán en español. Aínda que se trata dun inglés sinxelo, como material adicional da acción formativa incluirase algunha ferramenta ou curso de apoio para que os alumnos que puidesen ter dificultades co idioma poidan avanzar e asimilar os distintos conceptos e capítulos da actividade.
No suposto de que con carácter previo á data de comezo do curso os contidos da plataforma de teleformación estean dispoñibles en castelán o acceso realizaríase en dita versión.
A plataforma de teleformación será a propia de Cisco Networking Academy en función dun acordo de colaboración asinado entre Cisco Systems e LPI.
Outros cursos de formación do CNTG
Cómpre resaltar que a programación formativa 2015/2016 do CNTG inclúe outros cursos relacionados con tecnoloxías libres e mesmo metodoloxías de xestión de proxectos.
Así por exemplo, o vindeiro día 22 de setembro rematará tamén o prazo para se inscribir nos cursos de:
- Desenvolvemento de aplicacións con Node.js
- Curso oficial Oracle de programación en Java, versión 8
- Administración de ssoo Linux LPI1 (2 edicións)
Os cursos de Node.js e programación en Java, orientados preferentemente a desenvolvedores/as e programadores/as, son os que contan actualmente cun menor número de inscricións.
Ademais o día 5 de outubro remata tamén o prazo de inscrición para:
- Desenvolvedor/a Big Data Cloudera para Apache Hadoop
- Kanban e Lean para a xestión áxil de proxectos.
Para obter maior información ou se inscribir en calquera dos cursos anteriores, consulte a sección de formación do CNTG
