Dende GALPon infórmannos que continúan coa seu plan de formación para as ANPA iniciado durante o curso 2009/10 ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.
Para este curso 2010/11, continúan coa colaboración coa FANPA PONTEVEDRA comezando para este próximo mes coa colaboración das ANPA de Marín e de Valga.
Estes cursos de software libre e estándares abertos terán lugar nos vindeiros 15 e 22 de xaneiro na biblioteca do telecentro de Marín (Avda Ourense 8) e o 29 de xaneiro (lugar aínda sen determinar) en Valga.
Os cursos serán impartidos por GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra) da man de Miguel Bouzada e terán unha duración de 8 horas distribuídas de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
O curso está limitado a un grupo de 10 persoas, que serán admitidas por rigorosa orde de inscrición que pode realizarse ben por correo-e ou ben por teléfono.
Salientar que debido ao limitado número de prazas lémbrase as persoas interesadas que no momento de facer esta inscrición estase adquirindo o compromiso firme de asistir ou anular a súa asistencia con antelación suficiente para poder cubrir a praza.
O curso divídese en sesións de mañá e tarde cos seguintes contidos:
Sesión de mañá:
- Procesador de texto + folla de cálculo = 4 horas
Sesión de tarde:
- Elaboración de presentacións +xestión de correo e mensaxería instantánea = 4 horas
Pode consultarse o temario do curso máis detallado na web de GALPon.
Fonte: GALPon
