Mancomún

Novos obradoiros de prestashop e dolibarrERP na aula TIC Pemes da USC

Luns, 24 Marzo 2014

A Aula TIC Pemes da USC oferta dous novos cursos a través da súa plataforma de teleformación; VI Edición do obradoiro virtual de Xestión de Tendas Virtuais, baseado na ferramenta de software libre Prestashop e III Edición do obradoiro virtual sobre Planificación de Recursos Empresariais baseado no ERP con licenza libre DolibarrERP .

Banner do curso de Prestashop

Ambos cursos terán unha duración de 50 horas cada un, comezando o 29 de marzo e rematando o 7 e o 14 de maio respectivamente.
Os cursos están dirixidos tanto a profesionais autónomos e pemes como ao público en xeral. Seguirán a mesma dinámica que as anteriores edicións, a través da plataforma en liña da Aula TIC, sendo de carácter fundamentalmente práctico, poñéndose semanalmente a disposición do alumnado na plataforma unha serie de materiais compostos principalmente por vídeos explicativos da temática correspondente, para que poida revisalos e completar as tarefas semanais.

Os cursos teñen un custe de 100 euros, que se reduce a 60€ para alumnado da USC e unha vez superado, emitirase un certificado acreditativo da Aula TIC PYMEs da USC.

O obxectivo do obradoiro de Prestashop é capacitar ao alumnado para ser quen de poñer en marcha unha tenda virtual, personalizala e xestionala de forma económica, de forma que introducirse no comercio electrónico non supoña un problema para as empresas e autónomos. Así verase como instalar e poñer en marcha a aplicación, a administración dos clientes e empregados, a manipulación do catálogo de produtos, a xestión dos pedidos e pagos, así como a análise estatística dos datos entre outras ferramentas.

Pola súa parte, o obxectivo do obradoiro de Dolibarr será capacitar aos asistentes no uso dunha ferramenta de xestión empresarial que lles permita mellorar os procesos de xestión do seu negocio. Así aprenderá a instalar e poñer en marcha a ferramenta Dolibarr ERP, a xestionar os seus clientes, provedores e terceiros, administrar o inventario, o tratamento do proceso comercial así como a xestión financieira.

En ambos cursos, cada participante terá asignado un titor, que non atenderá a máis de 5 alumnos. Este será quen revise as súas tarefas semanais propoñendo, se é o caso, melloras ás mesmas, así como resolverá as dúbidas que poidan xurdir. Haberá dous tipos de titorías: titorías en tempo real, para as que se fixará un horario fixo nun día á semana para atención por chat, e titorías en diferido, a través dun foro onde cada participante poderá presentar as súas dúbidas ou consultas onde o titor poderá responder nun máximo de 48 horas.

O prazo de inscrición para ambos cursos permanecerá aberto ata o día 28 de marzo. As prazas son limitadas. Para inscribirse é preciso remitir u correo electrónico a atpemes @ usc . es indicando nome e apelidos da persoa interesada así como un teléfono de contacto ou ben cubrir o seguinte formulario indicando en cal dos dous cursos se está a matricular.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal