A vindeira semana o CDTIC ofrece ata 3 seminarios de formación sobre a solución de ERP libre Odoo en Vigo, Ourense e A Coruña. Serán durante as tardes dos días 24, 25 e 26 de maio respectivamente.

Aínda que os tres seminarios serán sobre a mesma solución, Odoo, están orientados a distintos perfís de empresas (loxística, vendas e distribución alimentaria), xa que se trata dunha solución moi modular e configurable que permite adaptarse a distintas realidades empresariais.
Odoo permite a xestión integrada e completa en contornos globais (diferentes divisas, numerosos idiomas, contorno multicompañía), a xestión da parte comercial e administrativa (contabilidade, vendas, facturación), a xestión loxística da empresa (almacéns), e a xestión da produción (MRP). Odoo e o desenvolvemento baixo licenzas libres permítennos afrontar a adaptación á nosa realidade empresarial (personalización e adaptación aos factores propios de cada empresa) con custos realmente baixos, poñendo ao alcance das pemes recursos que doutra maneira só estarían a disposición de grandes corporacións.
Así temos:
- “Como optimizar a produción e a loxística con Odoo” orientado a empresas de produción, empresas consultoras no ámbito industrial, enxeñeiros industriais e estudantes de enxeñería. Celebrarase o 24 de Maio de 2016 de 16:00h a 20:00h na aula CeMIT de Vigo. Este seminario será impartido pola empresa ANUBÍA Soluciones en la Nube, S.L.
- “Xestión práctica das vendas dunha empresa comercial: Odoo vendas” orientado a empresas de compra-venda en xeral (tanto por xunto como polo miúdo) con diferentes canles (tradicional, tenda e e-commerce), interesadas en mellorar o tratamento dos datos xerados ao longo da súa actividade loxística e empresarial, co fin de progresar na súa xestión diaria e permitirlles aos órganos directivos da empresa unha mellor toma de decisións. Celebrarase o 25 de Maio de 2016 de 16:00h a 20:00h na aula CeMIT de Ourense. Este seminario será impartido pola empresa ANUBÍA Soluciones en la Nube, S.L.
- E finalmente “Xestión práctica dunha empresa de distribución alimentaria con Odoo” orientada a empresas de distribución alimentaria. Celebrarase o 26 de Maio de 2016 de 16.00 a 19.00 h na aula CeMIT do Centro Cívico de Eirís en A Coruña. Este seminario será impartido pola empresa Comunitea.
Para inscribirse a calquera destas actividades totalmente gratuítas só é necesario rexistrarse no portal do CDTIC e acceder ao Espazo Empresa e Profesionais.
Anubía Soluciones en la Nube S.L
Empresa de consultoría, formación, desenvolvemento e implantación de solucións de software libre para a xestión completa de empresas de aplicación na nube.
Aínda que foi creada por enxeñeiros industriais de distintas especialidades, con diversas traxectorias profesionais en diferentes sectores, actualmente conta cun equipo formado por persoal multidisciplinar: enxeñeiros industriais, enxeñeiros informáticos e economistas. Isto permítelles entender o funcionamento integral das empresas dos seus clientes, tanto de pemes e de empresas de servizos, como das que contan con procesos de loxística e produción complexos.
Comunitea
Especialistas na implantación de sistemas de xestión intelixente (ERP) para negocios. Con máis dunha década de experiencia, traballan con software libre ODOO para axudar aos clientes a aumentar a súa produtividade, incrementar as súas vendas e mellorar o traballo diario.
Odoo no CDTIC Virtual
Aproveitamos para lembrar que o CDTIC Virtual ofrece un servizo de proba de solucións de software libre na nube, entre as que se atopa Odoo. Este servizo permite a calquera empresa ou particular solicitar unha instancia das aplicacións dispoñibles para o seu uso durante un período de 15 días e ampliable ata un mes. Mediante este servizo pódese probar a fondo calquera das ferramentas sen necesidade de dispoñer dunha infraestrutura propia e ter que facer unha instalación da mesma.
Ademais, tedes á vosa disposición o artigo “Solucións de planificación e xestión dos recursos empresarias (ERP) con Software Libre: Odoo/OpenERP” no que presentabamos entrevistas a dous casos de éxito de empresas usuarias de Odoo e dos seus correspondentes provedores TIC.
