O equipo de desenvolvemento de MiniNo e o seu sabor para cativos PicarOs, achégannos información sobre as últimas novidades do seu traballo. Concretamente sobre a publicación de novos videotitoriais sobre PicarOs e sobre a participación nas Xornada de boas prácticas docentes 2016 en Tudela, Navarra.
Así mesmo estarán tamén presentes na próxima xornada que organiza AGASOL o vindeiro 30 de abril, Libreteo, da que vos falamos hai uns días.
Así infórmannos da publicación de oito novos videotitoriais de uso de PicarOs, que deesta volta van adicados á edición gráfica, presentando solucións para actividades útiles para a educación primaria. Os novos vídeos dispoñibles son:
- Crear foto-álbumes e mini-libros de 8 páxinas
- Crear marcapáxinas
- Edición gráfica para Infantil e primeiros cursos de Primaria
- Xirar, redimensionar, recortar, quitar o fondo dunha imaxe…
- Crear pósters e estereogramas
- Quitar a cor dunha imaxe ou un obxecto dunha foto
- Xeometría, caligramas, calendarios…con Inkscape
- Recompilador de imaxes e cómo crear crebacabezas facilmente en PícarOS
Con esta nova quenda xa son 33 os video titoriais dispoñibles para o uso desta distribución nunha aula de educación primaria. Estes videotitoriais están dispoñibles ademais de no web de PicarOs tamén na canle de Youtube á que é posible subscribirse e recibir notificacións das novas publicacións.
Por outra parte, esta tarde, Antonio Sánchez, un dos desenvolvedores principais de PicarOs estará presente nas «Jornadas de buenas prácticas docentes 2016» no CAP de Tudela, Navarra. Estas xornadas van dirixidas ao profesorado de infantil, primaria, secundaria e educación especial, nas que se pretende compartir e difundir estratexias, recursos e ideas entre os/as docentes, que propicien o debate, o desenvolvemento e a innovación, e que contribúan ao enriquecemento dos/as docentes asistentes e do seu traballo nas aulas.
Antonio presentará "PicarOS, un sistema operativo a medida” onde falará desta distribución e das súas aplicacións prácticas para as aulas de infantil e primaria.
