Número 40 – Boletín Software Libre na Empresa – Setembro 2020

Mércores, 30 Setembro 2020

Novas

Durante este último mes no portal publicouse unha nova entrega das pílulas sobre ferramentas libres para empresas, desta volta sobre Prestashop, unha plataforma de comercio electrónica. Tamén se produciron tres novos programas de Mancomún Podcast, un con Iraisy Figueroa falando sobre a tecnoloxía libre e as crianzas, outro sobre o software libre na universidade coa profesora Laura Castro e o último sobre o Premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre, falando con Marcos Fernández Pichel, un dos gañadores da última edición.

En canto a eventos próximos, dende Mancomún destacamos algúns eventos, tanto locais coma máis globais.
Dentro dos eventos galegos temos o Curso de retoque de fotos con GIMP, que se impartirá na aula CeMIT de Boiro ou a Feira Tecnolóxica OSHWDem, que se viña celebrando na Coruña, pero que este ano terá lugar no ciberespazo e que anuncia o chamamento á participación de Makers. Por outra banda a organización da VII Xornada de Usuarios de R en Galicia tamén ven de anunciar o seu “call for papers” para a presente edición. En canto a eventos máis globais que serán en liña temos unha nova edición do concurso fotográfico Wiki Loves Monuments de Wikimedia, a ApacheCON arredor dos proxectos da Fundación Apache ou a KiCon, sobre o software KiCAD, que ía celebrarse no CERN.

Algunhas novidades no mundo do software libre son os novos ThinkPad e ThinkStation de Lenovo con GNU/Linux instalado de fábrica, a implementación do cifrado extremo a extremo en Nextcloud, tamén relacionado coa criptografía está a nova de que Telegram permite facer videochamadas cifradas. Sobre o ambiente máis corporativo temos a recente incorporación de Facebook a The Linux Foundation como membro platino. Algunha outra novidade máis próxima é a liberación do código fonde do Radar COVID español e a compra de computadoras con GNU/Linux por parte da Junta de Andalucía.

Proxecto destacado

Logo de ...
LimeSurvey é unha solución de software libre que permite crear enquisas e cuestionarios en liña e recoller eses datos para procesalos posteriormente.

Trátase dunha aplicación web desenvolvida en PHP e JavaScript e liberada baixo GPLv2 que se pode despregar en infraestrutura propia, empregar os servizos de terceiros ou mesmo empregar o servizo da empresa encargada do seu desenvolvemento que conta con varios plans e prezos (incluso de balde) en función das funcionalidades desexadas. O proxecto tamén ten dispoñible unha enquisa de proba para cumprimentar ou unha instancia coa interface de administración para probar a creación e xestión de enquisas.

LimeSurvey ten 28 tipos de preguntas distintas coas que confeccionar as enquisas, que poden ter ramificacións en función de condicións. As enquisas poden xestionarse dende unha interface sinxela de utilizar e é capaz de exportar os datos das respostas a diversos formatos e programas como follas de cálculo, SPSS, R ou Stata, permitindo o seu posterior tratamento estatístico, aínda que tamén conta con algunha ferramenta sinxela para o mesmo. Polo que esta é unha solución acaida para a realización de estudos de mercado, enquisas a clientes, estudos sociolóxicos…

A solución está dispoñible en máis de 80 linguas, entre as que se atopan o galego e o castelán e cumpre cos requisitos da lexislación europea de protección de datos.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal