Mancomún

O 25% dos provedores do catálogo ModaTIC.gal ofrecen solucións libres

Mércores, 3 Abril 2013
  • ModaTIC.gal é unha iniciativa da AMTEGA que constitúe o primeiro catálogo específico de solucións e provedores tecnolóxicos galegos para o sector téxtil.
  • Esta primeira edición inclúe 40 empresas TIC e 5 axentes de innovación que ofrecen en conxunto máis de 70 solucións e servizos tecnolóxicos.
  • O 25% das empresas TIC presentes neste catálogo ofrecen solucións con licenza libre. Estas solucións libres supoñen aproximadamente o 20% das solucións totais recollidas.

O catálogo ModaTIC.gal nace co obxectivo de ofrecer unha ferramenta, única ata o momento, onde as empresas do téxtil poidan atopar solucións tecnolóxicas específicas para o seu sector así como a información relativa aos diversos actores que conforman parte do ecosistema tecnolóxico en Galicia especializado no Téxtil.

Imaxe do catálogo ModaTIC.galPara a elaboración desta primeira edición de ModaTIC.gal tomouse como punto de partida o MapaTIC.gal, o punto de encontro virtual da oferta e a demanda tecnolóxicas de Galicia. Ademais contouse coa colaboración das diferentes asociacións tecnolóxicas galegas, Agasol, Agestic, Cluster TIC, Eganet e Ineo, así como da plataforma tecnolóxica, Vindeira e do Clúster Téxtil Moda.

Esta primeira edición inclúe 40 empresas TIC e 5 axentes de innovación que ofrecen en conxunto máis de 70 solucións e servizos tecnolóxicos.

Software libre para o sector téxtil

O 25% das empresas TIC presentes neste catálogo ofrecen solucións con licenza libre, que supoñen aproximadamente o 20% das solucións totais recollidas.
As solucións libres recollidas son principalmente plataformas de comercio electrónico dirixidas ao sector téxtil baseadas en Magento ou Prestahop, cos seguintes provedores tecnolóxicos: AVA Soluciones Tecnológicas, Hacce Soluciones TIC, Primate, Queres Tecnologías S.L., Redegal e Wireless Galicia. Ademais Itelsis ofrece SugarCRM como solución de xestión empresarial e relación cos clientes. Igalia ofrece un Prototipo de catálogo de tenda en escaparate, catálogo virtual baseado en visión por computador a través do que usuario podería navegar polo catálogo de produtos a través do escaparate da tenda e realizar a compra online mentres a tenda permanece pechada. Pexego ofrece un Catálogo de pedidos on e off-line que facilite o labor do comercial nas súas visitas integrando en formato CD-ROM, (parte off-line) a consulta de todos os produtos da empresa como a xestión de pedidos . Finalmente, Nasas Social & Media ofrece solucións de trazabilidade e marketing online cos seus produtos, Xogo para facebook para a creación de concursos, e Mapa online que permite o desenvolvemento de mapas de ubicación con posicionamento e fichas propias de cada local para que sexa sinxelo atopar o teu negocio ou negocios.

Máis do 40% dos produtos tecnolóxicos incluídos no catálogo eran descoñecidos para o sector, preto do 34% foro valorados como solucións potencialmente interesantes e un 23% corresponden a aplicacións ou servizos coñecidos e demandados.

A guía está dispoñible en formato PDF na web do CDTIC e por suposto pode consultarse en liña a través da busca avanzada de solucións no Mapa TIC Gal escollendo o sector Téxtil.

Estrutura do catálogo

Os empresarios do sector téxtil atoparán neste catálogo unha relación de provedores de tecnoloxía galegos, cunha descrición da súa actividade como empresa, ademais dos datos de contacto (teléfono, correo-e, web,..).

A continuación atoparán as solucións tecnolóxicas, agrupadas baixo catro epígrafes:

  • "Solucións de Xestión Empresarial"
  • "Solucións de trazabilidade do produto e xestión loxística"
  • "Comercio Electrónico"
  • "Marketing dixital".

Cada solución vai acompañada dunha descrición funcional da solución ou servizo, un rango de prezo e empresas reais que teñen implantado o aplicativo, así como o provedor que a ofrece. Ademais conta cunha valoración realizada polo Cluster Téxtil-Moda Galicia – COINTEGA, en base á información recollida no presente catálogo e no MapaTIC.gal co obxectivo de orientar ás empresas do sector téxtil sobre o grado de coñecemento, interese e/ou demanda que estas solucións e proxectos TIC teñen, sempre en termos globais, dentro do sector.

Finalmente inclúese unha relación de axudas e incentivos autonómicos, nacionais e europeos, onde as empresas do téxtil poden atopar subvencións, fondos aos que recorrer como axuda nun proxecto de implantación das TIC nas súa empresa.

O catálogo presentouse o pasado 20 de marzo, no marco da I Semana TIC adicada ao sector Téxtil

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal