Na recentemente realizada conferencia Linux.conf.au 2010, Jonathan Corbet, fundador do prestixioso sitio de noticias LWN.net e colaborador do kernel de Linux, amosou unha análise do código incluído no kernel de Linux entre Decembro do 2008 e Xaneiro do 2010, atopando que 75% deste código proviña de desenvolvedores pagados por grandes compañías, o que axuda a desbotar un dos mitos máis estendidos sobre software libre que asegura que os seus colaboradores son exclusivamente voluntarios que traballan só por amor aos demais nos seus tempos libres.
Desmiuzando os números, un 18% de Linux foi construído por desenvolvedores sen unha afiliación corporativa específica, o que suxire que son posibles voluntarios. Un 7% non puido ser clasificado, e o restante 75% do código provén de xente traballando para compañías específicas que lles pagaban para facelo.
Entre as empresas, Red Hat atópase no primeiro lugar cun 12%, seguido por Intel cun 8%, máis atrás IBM e Novell cun 6% cada un e Oracle con 3%. Isto deixa en claro que aínda que estas empresas compiten entre elas en diversas áreas, nada impide que poidan traballar nun proxecto común achegando o pouco que necesita cada unha e para recibir a acumulación do construído polos demais.
Corbet fixo notar que aínda hai empresas que teñen que pasar polo proceso de saír do seu desenvolvemento privado, para devolver as súas melloras á comunidade, como é o caso de Google que depende completamente de Linux pero que lle custou dar o paso de publicar o seu código, representando tan só o 1%.
Existen un completo estudio, dispoñible en PDF, — elaborado por Greg Kroah-Hartman (SuSE Labs / Novell Inc.), Jonathan Corbet (LWN.net) e Amanda McPerson (The Linux Foundation) no que se pode comprobar a evolución do desenvolvemento do núcleo Linux, base do sistema operativo GNU/Linux que segue a crecer en prestacións e popularidade con cada nova versión.
Fonte: Fayerwayer
