O Cartolab, Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña, acaba de publicar unha nova extensión para gvSIG chamada NavTable.
Esta extensión troca o xeito tradicional de ver os datos en SIX. Isto é, a visualización habitual basease nunha táboa onde se mostran tódolos rexistros conxuntamente. Mais NavTable introduce un novo concepto, ao amosar unha táboa navegábel, rexistro a rexistro.
Por outra banda, NavTable inclúe unha chea de opcións para visualizar, editar e localizar os datos de xeito cómodo e intuitivo para o usuario.
As súas principais características son:
- Visualización de datos de capas vectoriais en rexistros individualizados e en sentido vertical
- Edición dos valores alfanuméricos (probado con ESRI Shapefile e PostGIS)
- Acceso a rexistros contiguos, primeiro, último ou de forma aleatoria.
- Navegación usando filtros de selección
- Zoom manual e automático aos elementos
- Zoom aos elementos con escala fixa
- Permite selección e deselección de elementos
- Copiado dos atributos do rexistro inmediatamente anterior
- Dispoñíbel en galego, castelán e inglés.
O proxecto foi liberado baixo a licenza GPL versión 3 e atópase aloxado na forxa da OSOR.
gvSIG, manexo de información xeográfica
GvSIG é unha ferramenta promovida pola Generalitat Valenciana , orientada ao manexo de información xeográfica e que se caracteriza pola súa accesibilidade gráfica. A súa utilidade é múltiple, sendo empregada para investigacións científicas, a xestión de recursos, a arqueoloxía, a avaliación do impacto ambiental, a planificación urbana…Por iso, esta aplicación de código aberto está dirixida a usuarios finais de información de natureza xeográfica, xa sexan profesionais ou das administracións públicas (concellos, deputacións, consellarías…).
Dadas as súas funcionalidades de cara a este amplo colectivo de profesionais que traballan co medio físico no coñecemento das técnicas básicas dos sistemas de información xeográfica, Mancomún promoveu recentemente un curso de gvSIG que se impartiu na Cámara de Comercio de Santiago.
Ademais, este aplicativo continúa a crecer exponencialmente grazas a un importante esforzo da súa comunidade nos traballos de localización. GvSIG está tamén dispoñíbel en galego.
Fonte: Cartolab
