Mancomún

O CDTIC acolle unha sesión demostradora de Odoo, solución para a xestión avanzada de cadeas de produción

Luns, 15 Xuño 2015

Este mércores 17 de xuño, o CDTIC acolle nas súas instalacións unha nova sesión demostradora, da man da empresa Anubía en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na que se amosará as vantaxes de Odoo, anteriormente coñecido como OpenERP, para a xestión de almacéns e da produción.

Cartel da sesión de Odoo - Anubía

A xornada leva por título “Xestión avanzada da produción cos novos módulos de Odoo”, está especialmente deseñada para empresas de produción, empresas consultoras no ámbito industrial, enxeñeiros industriais e estudantes de enxeñería e desenvolverase en horario de 16:30 a 20:30 horas.
Nesta actividade presentaranse de xeito práctico os novos módulos de Odoo para a xestión avanzada dos almacéns e da produción. Estes novos módulos amplían as posibilidades desta ferramenta permitindo desenvolver unha xestión avanzada de empresas de produción, ademais de contar coas vantaxes de tratarse dunha aplicación de software libre. Ao longo da xornada explicarase o funcionamento básico e a configuración de OdooMRP, exporase un caso de produción e carga inicial de datos e realizarase un exercicio práctico.

Os encargados da organización desta sesión son Anubía, Soluciones en la Nube, S.L.,, empresa consultora de formación, desenvolvemento e implantación de solucións de software libre para a xestión completa de empresas con aplicacións na nube; e a delegación de Santiago de Compostela do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Como todas as actividades organizadas polo CDTIC o seminario é de carácter gratuíto, pero con aforo limitado, sendo por tanto imprescindible inscribirse previamente a través do Espazo Usuario do portal web do CDTIC.

Odoo, un ERP en Software Libre

As siglas ERP, en inglés Enterprise Resource Planning, fan referencia a un tipo de software de xestión empresarial, que permite a xestión de todos os procesos de xerencia dunha empresa, como poden ser a loxística e distribución, inventarios, envíos, facturación ou contabilidade. Poden incluír tamén sistemas de xestión de recursos humanos ou incluso ferramentas de mercadotecnia.

Odoo, anteriormente coñecida como OpenERP, é xa moito mais que un ERP, é unha suite de aplicacións de negocio baseada nunha arquitectura modular, da que xa vos falamos en profundidade hai uns meses, no artigo “Solucións de planificación e xestión dos recursos empresarias (ERP) con Software Libre: Odoo/OpenERP”, no que presentabamos entrevistas con dous casos de éxito de empresas usuarias de Odoo (elNogal do sector da alimentación e Balidea, do sector TIC) e dos seus correspondentes provedores TIC (Pexego e Anubía).

Ademais, en novembro de 2014, o CDTIC acollera a sesión “Xestión integral de empresas con Software Libre” na que Santiago Argüeso presentara de forma xenérica as funcionalidades e utilidades da solución Odoo. No portal do CDTIC está dispoñible tanto a presentación como a gravación en vídeo (parte 1 e parte 2) de dita xornada.

Nesta ocasión, presentarase Odoo cunha orientación máis dirixida a empresas de produción e do ámbito industrial.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal