Mancomún

O centro Ágora acollerá a Trasnada 12.0 os días 18 e 26 de maio

Xoves, 10 Maio 2012

Banner da Trasnada 12.0 na CoruñaTrasno organiza para os vindeiros días 18 e 26 de maio a Trasnada 12.0 unha nova edición do encontro periódico que reúne aos tradutores de software libre ao galego e xa vai pola súa cuarta edición. Nesta ocasión a cidade da Coruña toma o relevo como sede deste encontro a cidades como Vigo, Ourense e Ordes que acolleron as anteriores edicións.

Para aqueles que aínda non coñezan as Trasnadas, o obxectivo principal das mesmas é servir de punto de encontro da comunidade de tradución para fixar terminoloxía no ámbito da tradución para aumentar a calidade das tradución e servir de escaparate ao expor ao público o traballo destes voluntarios a prol da normalización da lingua galega nas tecnoloxías libres que traballan baixo o paraugas do Proxecto Trasno.

A trasnada 12.0 celebrarase no Centro Ágora, na Cidade da Coruña:

  • Mapa fornecido polo propio centro Ágora
  • Mapa do centro Ágora en OpenStreetMap

Xornada do Venres 18 de maio

A diferencia doutras ocasións, desta volta a xornada ten lugar en dous días, adicando o primeiro deles exclusivamente á difusión para informar a todas aquelas persoas interesadas na localización de software e facilitar a súa aprendizaxe e incorporación ao Proxecto Trasno.

Esta primeira xornada da Trasnada 12.0, terá lugar na Aula 9 do Centro Ágora de 19:00 a 21:00 horas, e está dirixida ao público en xeral e a todas aquelas persoas interesadas na localización de software. Permitirá aos asistentes coñecer o traballo levado a cabo dende o Proxecto Trasno, a xente que o conforma, e como punto de aprendizaxe para todos aqueles que queiran comezar a colaborar na localización.

A axenda desta xornada é a seguinte:

  • 19:00 Que é o Proxecto Trasno? Que é a localización?
  • 21:00 Peche da sesión

Xornada do Sábado 26 de maio

Esta segunda xornada terá dous espazos diferenciados, un primeiro adicado á formación nas tarefas de localización de software, dirixido a persoas interesadas en aprender a localizar software e colaborar no proxecto, e un segundo espazo adicado á fixación terminolóxica é á celebración da Asemblea Xeral Ordinaria da AC Proxecto Trasno.

Espazo adicado á formación na localización.

Dirixido ao público en xeral e en particular ás persoas interesadas na localización. Celebrarase na Aula 9 do Centro Ágora. Haberá unha sesión de mañá e unha sesión de tarde e repartiranse agasallos entre os asistentes.

  • 10:30 "Introdución á localización de software libre"
  • 11:30 Obradoiro práctico de localización
  • 13:30 Entrega de agasallos para os asistentes
  • 14:00 Descanso para xantar
  • 16:30 "Introdución á localización de software libre"
  • 17:30 Obradoiro práctico de localización
  • 19:30 Entrega de agasallos para os asistentes
  • 20:00 Peche da xornada

Espazo adicado ao debate terminolóxico.

Dirixido a persoas interesadas na localización, tradutores e interesados na terminoloxía informática. Celebrarase na Sala Informática do Centro Ágora coa seguinte axenda:

  • 10:00 Apertura da xornada
  • 10:15 Inicio da discusión de terminoloxía
  • 13:30 Asemblea Xeral Ordinaria da AC Proxecto Trasno, aberta tanto a socios como a interesados.
  • 14:00 Descanso para xantar
  • 16.00 Sesión de terminoloxía (continuación)
  • 20:00 Peche da sesión
1ª asemblea xeral ordinaria da AC Proxecto Trasno de 2012

A Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno, celebra a súa primeira asemblea ordinaria do ano 2012, á que están chamados todos/as os/as socios/as para decidiren sobre as cuestións incluídas na orde do día, así como de calquera outro tema que desexen que se discuta no seo da asociación. Porén fan extensivo o chamamento a todos/as os/as localizadores/as ao galego que non forman parte da asociación para que poidan coñecelos, preguntar e dar a súa opinión sobre dos temas que lles ocupan ou mesmo asociarse.

A asociación xurdiu no 2009 cos tradutores do Proxecto Trasno, xa nado no 1999, para representar ao proxecto e fomentar a localización de software libre ao galego. Durante estes últimos a asociación organizou diversos actos de difusión de software libre e de facilitación do labor de localización de software libre ao galego.

Segundo informan dende Trasno, os membros da asociación poderán seguir e participar no evento polas canles IRC do proxecto. Ademais irán publicando as novas que se vaian producindo nos perfís de Trasno nas redes sociais onde animan a participar e interactuar á xente que non poida asistir persoalmente.

Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2012 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal