Este luns 27 de xuño celebrouse o acto de inauguración oficial do Centro Demostrador TIC de Galicia (CDTIC) presidido polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo.
O venres 1 de xullo haberá unha xornada de portas abertas para que todas aquelas persoas interesadas en coñecer os servizos e instalacións deste novo Centro poidan acceder a el.
O CDTIC constitúese como un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego para mellorar a súa produtividade e competitividade. Segundo explicou Feijóo no acto de presentación, este centro servirá de “escaparate tecnolóxico” do sector TIC galego e axudará a consolidar unha imaxe de marca propia que favorecerá o seu posicionamento no mercado e a súa internacionalización.
O acto oficial de presentación foi precedido por unha demostración ofrecida pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol), na que se amosou a utilidade de diversas ferramentas para o día a día dun establecemento do sector da hostalería. A demostración atraeu a atención e o interese dos asistentes sobre aplicativos como OpenBravo, un ERP ou sistema de información xerencial mediante o que se pode manexar toda a información que xera unha empresa, e Open Pos, un sistema deseñado para xestionar puntos de venda. Ambas ferramentas teñen unha licenza libre, o que abarata o seu custe de adquisición, posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais por empresas galegas facilitando deste xeito que a inversión TIC das nosas pemes xere negocio no propio sector TIC galego convertendo a innovación tecnolóxica en motor económico.
Servizos do Centro Demostrador TIC
O CD TIC, ubicado nas instalacións do CNTG, ofrece unha completa carta de servizos entre os que se poden mencionar o Mapa de capacidades tecnolóxicas de Galicia, un directorio en liña completo e categorizado de provedores, produtos e servizos TIC existentes en Galicia que está sendo elaborado en colaboración cos diversos axentes do sector TIC; organización de xornadas e sesións de demostración como a celebrada este luns e dirixidas a aliñas oferta de produtos e servizos TIC e demanda tecnolóxica; formación tecnolóxica, … Todas as actividades do Centro estarán orientadas a facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante a incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio.
O Centro ofrécelles pois ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos e servizos ás empresas do resto de sectores produtivos. Deste xeito as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción, o naval, a enerxía, o téxtil …, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
Presencia de FLOSS no Centro Demostrador TIC
O CDTIC conta entre os seus obxectivos a difusión das vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos das empresas, especialmente entre os sectores estratéxicos de Galicia así como acreditar o impacto positivo destas solucións na produtividade e competitividade. E neste marco, o Software Libre está chamado a ter un papel chave, xa que achegan moitas vantaxes adicionais.
As tecnoloxías FLOSS facilitan, en maior medida, o aliñamento da oferta do sector TIC coa demanda do tecido empresarial galego, a xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas,… así como a xeración dun tecido TIC fundamentado no coñecemento, máis internacionalizable e internacionalizado. Á súa vez, as tecnoloxías FLOSS están demostrando ser unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
O Plan de Acción FLOSS da Xunta de Galicia, entre as accións dirixidas a promover o FLOSS no ámbito empresarial, prevé a dinamización da presenza do software libre nas actividades do CDTIC colaborando activamente co sector empresarial FLOSS para potenciar as actividades de difusión e formación nestas tecnoloxías. Neste sentido, Agasol, agrupa ás 29 principais compañías do sector do software libre en Galicia, que dan emprego a máis de 400 persoas e facturan preto de 20 millóns de euros ao ano.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, conta cun investimento máximo conxunto de 2.720.875,71 euros ata decembro de 2013, dos que máis de 2 millóns foron achegados por red.es, grazas á contribución do Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das Empresas, fondo tecnolóxico 2007-2013 de FEDER, e 600.000 euros pola Xunta.
