Mancomún

O certificado raíz da FNMT preto de ser incluído en Firefox

Venres, 26 Agosto 2016

Logotipo de Firefox

Logo de moitos anos, finalmente vislúmbrase a luz ao final do túnel. Firefox vén de anunciar que incluirá en breve á FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre de España) na súa base de entidades certificadores recoñecidas. É dicir que o navegador Firefox recoñecerá automaticamente que os sitios web das sedes electrónicas da administración pública española son sitios seguros e confiables sen necesidade de realizar complexos pasos previos de instalación manual de certificados.

Deixaremos de ver por fin o aviso inicial de "sitio non seguro" ao acceder por primeira vez á calquera sede electrónica española se non temos engadido o certificado raíz da FNMT ou se non temos engadida unha excepción.

Captura do erro de conexión non segura

Deste modo, Mozilla Firefox converterase no primeiro navegador web libre con soporte para a autoridade certificadora dixital da FNMT dándolle vantaxe de uso nos portais web da administración. 

Sen dúbida unha excelente nova para o software libre e para o avance da administración electrónica en España.
A inclusión do certificado raíz da FNMT na base de datos de certificados de Mozilla Firefox permitirá o acceso completo e plenamente fiable a os servizos web securizados baixo certificados dixitais expedidos pola FNMT sen necesidade de facer a instalación manual do certificado raíz da mesma.

O problema histórico da inclusión do certificado raíz da FNMT no navegador Firefox vén de lonxe pero tamén a solicitude de solución que data do ano 2008. Onte, finalmente, fíxose o anuncio da intención de aprobar a inclusión do certificado da autoridade certificadora da FNMT e habilitar a confiabilidade dos dominios web que usen certificados firmados por esta autoridade.

Podemos considerar esta nova como un gran fito para a administración pública electrónica española xa que simplifica o uso dos portais de servizos web por internet da administración estatal debido a que a meirande parte deles están a usar certificados expedidos pola propia FNMT.

Durante todos estes anos pasados, para paliar esta situación, a FNMT documentaba un proceso manual no que se describía paso a paso como poder incluír o certificado raíz da mesma nos diversos navegadores web soportados. Sen ben é certo que isto permitía o uso seguro do certificado, a súa instalación tiña as súas contrapartidas, dende a complexidade da operación que non está ao alcance de calquera usuario, como que debía de ser unha operación feita manualmente para cada ordenador o que reducía enormemente a interoperabilidade e o uso seguro en calquera dispositivo, reducindo así as prestacións reais da administración electrónica.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal