O CIXUG publica a convocatoria de dous procesos selectivos para cubrir os postos de Coordinador da Oficina de Software Libre do CIXUG e de persoal informático para a Oficina de Software Libre do CIXUG na UDC.

Os obxectivos desta oficina de software libre son os de impulsar o coñecemento e utilización do software libre dende o CIXUG e para as tres universidades do Sistema Universitario Galego, e van dirixidos ao conxunto da comunidade universitaria: estudantado, persoal de administración e servizos (PAS) e persoal docente e investigador (PDI). A OSL traballará sempre baixo a supervisión e directrices da Xerencia do consorcio ou persoa na que esta delegue.
O prazo de presentación de solicitudes rematará ás 14:00 horas do día 13 de maio de 2015.
A continacion resumimos as condicións dos postos de traballo así como os requisitos a valorar. As persoas interesadas nesta oferta deberán igualmente consultar as bases das convocatorias para coñecer todos os detalles das mesmas.
Posto de coordinador da OSL
O posto de coordinador terá unha duración de 7 meses, e unha retribución total de 17.150€, proporcional a un importe bruto anual de 29.400€ . A xornada de traballo será de luns a venres en horario a establecer. O posto de traballo será en Santiago de Compostela.
O coordinador terá as seguintes funcións:
- Coordinar as actividades en materia de software libre das 3 universidades.
- Responsable da concreción do plan de actuación, de liderar a execución do mesmo así como levar a cabo o seu seguimento e control.
- Responsable da asignación directa das tarefas ao persoal técnico para levar a cabo as accións do plan.
Ademais apoiará accións concretas do plan como :
- Desenvolver as actuacións precisas para promover o uso de solucións de software libre que se decidan implantar.
- Dar soporte ás persoas usuarias nos produtos que se decidan promover.
- Organizar e participar en actos (cursos, xornadas…) de difusión de software libre nas universidades.
- Propoñer novas iniciativas para o desenvolvemento de software libre nas universidades.
- Elaborar informes técnicos, funcionais, …que se requiran para o correcto funcionamento da OSL contando coa colaboración do persoal ao seu cargo.
Valoraranse os seguintes méritos de 0 a 50 puntos:
- Formación académica segundo o grao de relación coas funcións do posto.
- Experiencia acreditada na xestión e coordinación de proxectos TIC.
- Coñecementos acreditados en proxectos de software libre relacionados con Sistemas Operativos, Xestión de Bases de Datos, Xestores de Contidos, Contornas gráficas de escritorios, localización de produtos baseados en software libre.
- Coñecementos acreditados en instalación e administración avanzada de servidores baixo sistema operativo GNU/Linux, e instalación e administración de servizos web con licenzas libres (ex. Drupal, owncloud, redmine, etc)
- Certificacións técnicas na área de software libre.
- Cursos de formación impartidos no ámbito do software libre.
- Outros méritos relacionados coas funcións do posto.
Posto de Técnico,da OSL
O posto de persoal informático para a OSL da UDC terá unha duracion de 6 meses cunha retribución total de 10.200€, proporcional a un importe bruto anual de 20.400€. A localización física do posto de traballo acordarase co candidato seleccionado entre as dúas cidades onde a Universidade da Coruña ten sedes físicas.
As funcións dos técnicos serán:
- Desenvolver as actuacións precisas para promover o uso dos produtos de software libre que se decidan implantar na súa área de influencia dentro da universidade na que estea asignado.
- Dar soporte aos usuarios nos produtos que se decidan promover.
- Colaborar na organización e participar en actos (cursos, xornadas…) de difusión, información e formación de software libre nas universidades.
- Propoñer ao coordinador da OSL novas iniciativas para o desenvolvemento de software libre nas universidades.
- Participar activamente na formación ao persoal PAS en ferramentas libres.
- Participar activamente na migración de postos base na administración
- Apoiar a elaboración de material formativo de ferramentas libres.
- Apoiar no mantemento da web da OSL.
- Participar activamente na divulgación das opcións en materia de software libre en centros das universidades.
- Apoiar a implantación de programas libres para Windows nas aulas de informática.
- Participar activamente na implantación dual da ubuntu-Gal nas aulas informáticas.
- Colaborar co coordinador da OSL na elaboración da documentación e informes de seguimento e funcionamento da súa actividade que sexan precisos para dar a coñecer as tarefas desenvolvidas dende a OSL.
Valoraranse os seguintes méritos de 0 a 50 puntos:
- Formación académica segundo o grao de relación coas funcións do posto.
- Experiencia acreditada participando, xestionando e/ou coordinando proxectos TIC.
- Coñecementos acreditados en instalación e administración de software libre relacionados con Sistemas Operativos, Xestión de Bases de Datos, Xestores de Contidos, Contornas gráficas de escritorios, localización de produtos baseados en software libre.
- Elaboración de material formativo con ferramentas de “e-learning”.
- Certificacións técnicas na área de software libre.
- Cursos de formación impartidos no ámbito do software libre.
- Outros méritos relacionados coas funcións do posto.
