O CNTG e TEGNIX son así os únicos centros de formación oficial LPIC en Galicia
O CNTG, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, informa que vén de converterse no primeiro centro público de Galicia en asociarse co Linux Professional Institute (LPI), organización independente e sen ánimo de lucro adicada á certificación de profesionais de Linux, con recoñecido prestixio e validez a nivel mundial.

Para poder ser un centro LPI AAP, como o Centro de Novas Tecnoloxías, é preciso ser un centro de ensino público e sen ánimo de lucro así como cumprir unha serie de condicións, como que os docentes que impartan os cursos estean certificados no LPI, o que supón unha garantía no que respecta aos coñecementos dos instrutores, ou que o material de estudo estea aliñado cos obxectivos definidos por LPI na súa web.
Por tratarse dun centro público asociado, os estudantes que realicen a súa formación LPI no CNTG poderán realizar os exames de certificación no propio centro. Os exames contarán coa presenza dun representante do LPI e se efectuarán exclusivamente en soporte de papel.
Todos aqueles centros públicos que queiran adherirse aos principios de LPI, ofrecendo ao seu alumnado e profesorado a posibilidade da certificación LPI poden poñerse en contacto con Orlando Dominguez, representante de PUE (Proxecto Universidade Empresa) con quen LPI España firmou un acordo de colaboración para que se encargase da xestión do todo o relativo aos centros públicos.
O CNTG únese así á empresa TEGNIX, quen xa nos informou o pasado novembro que se convertera no primeiro centro privado de formación oficial LPI en Galicia.
Programa de certificación LPI
Os programas de certificación do LPI están en continua revisión e definición de contidos, sempre en contacto coa industria do sector, para poder determinar –e formar- aos perfís idóneos do profesional de Linux. Actualmente existen tres niveis de certificación e unha especialización:
- LPIC-1 o Profesional junior en Linux
- LPIC-2 o Profesional avanzado en Linux
- LPIC-3 o Profesional senior e expecialista en Linux
- Ubuntu Certified Profesional
Para obter a certificación LPI cómpre ter primeiramente a formación necesaria, ben acudindo a un dos centros de formación asociados, opción recomendada polo LPI pola garantía de calidade dos mesmos, ben acudindo a calquera outro centro de formación non oficial, ou ben por suposto, optando pola autoformación.
En calquera caso, unha vez rematada a formación é preciso superar o exame de certificación, para o que haberá que rexistrarse na páxina de LPI Global para obter un LPI ID, e acudir logo a algún dos centros VUE ou centros PROMETRIC para realizar o exame por ordenador.
Os alumnos que reciban formación nos centros públicos asociados poden realizar os exames en papel no propio centro.
Tamén é posible realizar o exame en papel (PBT) nalgún dos eventos do planeta Open Source nos que LPI España está presente. Nestes eventos realízanse rondas de exames patrocinados con importantes descontos (50%) onde os candidatos soen realizar 2 exames aproveitando as condicións tan favorables.
Materiais de formación aprobados por LPI
Para todos aqueles que prefiran a autoformación, existen materiais de formación avalados polo LPI, maioritariamente en inglés.
O único material aprobado polo LPI en castelán é o libro publicado recentemente por Linux Magazine para preparar os exames conducentes á certificación LPI de nivel 1. Este libro pode adquirise dende a web da revista polo prezo de 47 euros.
A valoración realizada por un dos expertos LPI sobre este libro é: “A nivel de lector, recoméndollo aos administradores de sistemas con coñecementos que queiran obter a certificación de LPI. É un libro que se le de forma rápida ao tempo que non omite ningún contido do exame. É importante salientar que ao final de cada capítulo hai preguntas de exemplo, que nos van familiarizando coa estrutura do exame. Se os nosos coñecementos son un pouco máis escasos precisaremos botar man dos moitos titoriais que existen en Internet ao respecto para complementar esta guía.
Resumindo, a guía perfecta en castelán para calquera persoa con coñecementos previos de Linux que desexe preparar o exame."
