Máis de 1.500 persoas asistirán entre hoxe e o vindeiro venres en Alacante ao III Congreso de Software Libre da Comunitat Valenciana sobre educación
O Concello de Alacante, a través da súa Concellaría de Modernización de Estruturas Municipais, iniciou un proceso destinado á modernización da infraestrutura tecnolóxica polo que utilizará software libre nos computadores municipais e aforrará 96.000 euros anuais, durante os próximos tres anos, segundo informaron recentemente fontes do consistorio alacantino.
Esta iniciativa segue as recomendacións sinaladas nos estudos realizados pola Unión Europea sobre o software libre e os estándares de código aberto. A súa primeira fase, xa completamente finalizada nas áreas de Acción Social e Contabilidade, consiste na migración nos computadores municipais dos programas actuais cara a ferramentas baseadas en código aberto. Posteriormente, estenderase este modelo á relación entre Concello e cidadán.
A principal novidade desta iniciativa é o abandono dos sistemas ofimáticas propietarios, que serán substituídas por software libre, por exemplo o paquete de oficina OpenOffice.org, así como o desenvolvemento do xestor documental municipal nunha contorna de código aberto que posibilite unha mellora da produtividade, cun custo contido e o lanzamento de novos servizos ao cidadán.
Estas medidas, así como a inclusión de software libre nos Telecentros que están previstos poñer en funcionamento ao longo do próximo ano e que contarán con sistemas operativos tipo Lliurex, son unha aposta decidida polo achegamento desta filosofía ao cidadán.
Durante o proceso de migración manteranse provisionalmente determinados equipos aínda coas ferramentas actuais para cubrir temporalmente necesidades específicas, pero coa idea de dotalos de tecnoloxía libre axiña que como sexa posible.
A selección desta estratexia suporá un aforro ao Concello en concepto de adquisición de licenzas de uso, ademais dun aforro anual en actualización de licenzas. Cuantifícase o aforro en 96.000 euros anuais, durante os próximos tres anos, en concepto de adquisición e renovación de licenzas.
III Congreso de Software Libre da Comunitat
O III Congreso de Software Libre da Comunitat Valenciana , que se celebrará entre o día de hoxe e até o vindeiro venres no Palacio de Congresos de Alacante, conta xa con 1.500 inscricións. O encontro, que ten o lema ‘Software Libre na Educación’, está organizado pola Conselleria de Educación valenciana e celebrarase co obxectivo “de dar continuidade aos postulados de integración do Software Libre nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), especialmente, no mundo da educación”, tal e como sinalaron fontes da Generalitat.
Entre os relatores que asistirán a este encontro, destaca a presenza de John ‘Maddog’ Hall, presidente de Linux Internacional e o brasileiro Marcelo d’Elia Branco , asesor gobernamental e empresarial, e impulsor do software libre en Sudamérica.
Desde a Administración valenciana asegurouse que o congreso “proporcionará un foro de encontro e debate que abra perspectivas e contraste experiencias na implantación do software libre, especialmente as realizadas polas diferentes comunidades autónomas no ámbito educativo”.
Ademais, durante este congreso presentarase a nova versión da distribución GNU/Linux LliureX cos seus diferentes perfís. A administración educativa valenciana mostrará a transición dos centros piloto coa distribución LliureX ao proceso de implantación de LliureX nos centros públicos valencianos.
Fonte: Europa Press
