O centro Madrid On Rails, inaugurado a primeiros de xuño polo concello de Madrid para promover o uso das novas tecnoloxías entre as PEME, pon a disposición das empresas varias ferramentas informáticas gratuítas para xestionar o seu negocio. Así podemos atopar FacturaMOR, unha aplicación en modelo de software como servizo (SaaS), a través de Internet e sen necesidade de que as empresas instalen nada nos seus computadores, e que é capaz de xerar facturas en lina en 3 minutos.
Segundo os expertos do centro, é moito máis sinxelo e rápido que unha folla de cálculo e permite almacenar, imprimir, compartir as facturas cos clientes e xestores e acceder ao sistema en xeral, sempre e cando se dispoña dunha conexión a Internet. Asemade, ao estar baseado en software libre, o aplicativo é totalmente gratuíto. A PEME tamén pode personalizar as facturas, xestionar os pagos das mesmas, incorporar descontos, imprimilas en PDF, envialas por correo-e, etc…
A consideración do software coma un servizo engade un novo modelo de negocio ao mercado, no cal se traspasa a importancia do programa en si mesmo ao coñecemento sobre o funcionamento do programa, desenvolvemento de adaptacións, etc., modelo de negocio que as empresas que desenvolven software libre teñen que rendibilizar…
Ademais deste servizo, o centro ofrece programas de software libre para xestionar as ventas e facer previsións (VentasMOR), crear listas de tarefas de maneira sinxela (ListasMOR), controlas os gastos (GastosMOR) ou desenvolver un cadro de mando integral (StrategyMOR)…
En menos dun mes, máis de 300 empresas xa se deron de alta nas aplicacións que ofrece Madrid On Rails a través da súa páxina web. O único requirimento indispensábel para o seu uso é dispoñer de conexión a internet, xa que grazas a este modelo de negocio (SaaS), os usuarios non teñen que instalar nada nos computadores, nin preocuparse das configuracións, mantemento ou solución de problemas.
Saas: Software as a Service
Este modelo de negocio presenta as seguintes vantaxes:
- O cliente non ten por que ter un departamento/área especializada en TIC, polo que o custo é menor.
- A responsabilidade das operacións é da empresa fornecedora do servizo. Isto significa que a garantía de dispoñibilidade da aplicación e o seu correcto funcionamento é parte do servizo que ofrece.
- A empresa fornecedora non pode desatender ao cliente xa que senón este poderá darse de baixa do servizo.
- A empresa fornecedora ten que prover e manter as medidas de seguranza necesarias no contorno da aplicación.
- Non é necesario o pago da licenza do software por parte de empresa usuaria
