Hai xa varios anos que a administración de Munich comezou a súa migración masiva a Linux e a adopción do formato ODF como estándar para os seus documentos.
Florian Schießl, lider do proxecto LiMux, a distribución de Linux desenvolvida ao efecto, publicou un reconto do ocorrido durante o ano 2009 onde relata que vén de lograrse finalmente a migración completa ao formato de arquivos ODF. Agora xa se emprega ODF para calquera documento interno de Munich, mentres que para distribuír contido non editable se emprega o estándar PDF.
A estandarización sobre ODF conlevou o uso de OpenOffice.org como a suite ofimática oficial para a administración de Munich. Segundo as palabras de Schießl, "non se trata simplemente de substituír unha suite de oficina por outra, xa que se requiriu un gran esforzo para eliminar todas as dependencias que existían coa suite de Micrososft".
Así, tivéronse que migrar e consolidar uns 20.000 modelos que foron convertidos a novos modelos, macros e aplicativos web. Para xestionar esta gran cantidade de modelos desenvolveron unha extensión para OpenOffice.org chamada WollMux coa que integraron os seus modelos con servizos internos da organización, agregando funcionalidade que impacta positivamente na produtividade dos seus usuarios.
Outra tarefa necesaria para realizar a migración foi desacoplar todas as aplicacións de negocio que dependían da suite de Microsoft. Por exemplo tiveron que modificar a súa instalación de SAP para integrala con OpenOffice.org.
Salientar que este proxecto de migración prestou especial atención a compartir a experiencia coa comunidade, de tal forma que outras administracións puideran replicar o proxecto na súa propia realidade. Así deron diversas conferencias, axudando directamente a outras administracións, e publicando os seus propios proxectos como WollMux. Schießl di que tamén queren publicar os cambios realizados a SAP, pero polo momento esta compañía está a avaliar os aspectos legais e podería tomar algúns meses.
Rematados os plans piloto de migración a Linux.
Polo que respecta á migración a LiMux, Schießl di que vai lento, pero dentro dos tempos planificados. Hai que lembrar que esta migración baséase nunha estratexia gradual dividida en pasos pequenos que dean o tempo suficiente para resolver problemas con solucións ben expostas e executadas.
Nos plans orixinais, estableceuse o ano 2012 como meta para migrar completamente, e polo momento remataron con éxito os plans pilotos nas súas 12 áreas organizacionais, o que supón a migración completa duns 2.500 escritorios do total de 14.000.
Neste plan piloto detectaron unha gran cantidade de problemas herdados dun desordenado crecemento en infraestrutura e software, pero a solución destes problemas a estas alturas fai que o 2010 se vexa como un moi bo ano para o proxecto.
Fonte: http://www.fayerwayer.com
