O programa docente centrarase nas características do sistema operativo libre e en galego, Galinux
A Escola Municipal de Informática do Concello de Ponteceso, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello, organiza entre os días 5 de maio e 9 de xuño un curso de iniciación ao software libre. Neste obradoiro o alumnado terá a oportunidade de achegarse ás tecnoloxías abertas a través do Galinux -o completo sistema operativo libre e en galego promovido pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información-, así como doutros aplicativos libres incluídos neste.
Para este fin, Mancomún forneceralles aos organizadores locais exemplares do Galinux, que serán distribuídos entre todos os asistentes.
A proposta enmárcase dentro da campaña de promoción do Galinux e do software libre iniciada pola propia entidade local. Segundo explica o responsábel de informática do Concello, Óscar Rei, "probamos o Galinux e pareceunos tan sinxelo e intuitivo que quixemos dalo a coñecer entre todos os habitantes da zona por ser libre, gratuíto e en galego".
O programa impartirase simultaneamente nas localidades de Ponteceso e de Corme en sesións de catro horas semanais. En Ponteceso o horario será de 10 a 12h, mentres que en Corme farase polas tardes en horario de 15:30 a 17:30 h.
Disporanse un total de 19 prazas (10 en Ponteceso e 9 en Corme), que se cubrirán por orde de inscrición. A solicitude farase pola Internet na plataforma PAD ou ben telefonicamente a través da Oficina Municipal de Corme (981 738428) ou do Departamento de Informática (981 714000 ext 18).
As persoas que queiran asistir co seu portátil deberán ter instalado Galinux.
Os contidos exactos do curso serán os seguintes:
- Definicións
- Introdución a Linux-Ubuntu en galego. Galinux
- Mozilla Firefox
- OpenOffice.org
- Reprodutores de audio e vídeo
- Programas P2P
