Mancomún

O Concello de Santiago deseña un plan director para a migración do seu sistema informático a SwL

Venres, 9 Xaneiro 2009
A iniciativa , enmarcada dentro da nova estratexia de accesibilidade electrónica para o cidadán , concretarase nun estudo de viabilidade e nun plan de adaptación

Rolda de prensaO Concello de Santiago de Compostela apostará polo software libre na súa nova estratexia de cara á mellora do acceso electrónico aos servizos públicos ofertados polo consistorio aos cidadáns. Así o puxo onte de manifesto a concelleira de Reforma Administrativa, Rosa Fernández Somoza, durante a presentación dos plans que rexeran todo o proceso.

Este proxecto concretarase a través de dous plans directores, que darán como resultado unha maior accesibilidade e navegabilidade do portal web, a renovación da intranet municipal, a integración das aplicacións informáticas do Concello e unha serie de servizos específicos.

Segundo explicou a concelleira, o primeiro plan director traballará para seguir dando pasos cara o cumprimento da Lei de acceso electrónico. Trátase, en definitiva, de avanzar na accesibilidade dos cidadáns aos servizos públicos dun xeito sinxelo, incrementando progresivamente os trámites que poden realizar a través da Internet e sen necesidade presencial.

Este Plan Director para a Lei de acceso electrónico terá unha primeira fase de análise e diagnóstico, que se desenvolverá no primeiro trimestre do 2009 e cun custo de 12.000 euros. Nesta etapa farase un inventario e un estudo de viabilidade de adaptación dos aplicativos informáticos de xestión, das bases de datos, dos sistemas informáticos e de telecomunicacións, do portal municipal e da intranet.

A continuación, nunha segunda fase, deseñarase un sistema informático e un plan de acción. Estableceranse así as liñas estratéxicas do Concello no tocante á administración electrónica. Este sistema permitirá, entre outras posibilidades,  montar un sistema de información municipal integrado e capaz de crear novos servizos cara os cidadáns.

 
O segundo plan director ocuparase da implantación de software libre. Concretarase nun estudo de viabilidade da utilización deste tipo de programas en todos os ámbitos do sistema informático. Coñecido este aspecto, deseñarase un plan de adaptación.

Estes dous plan directores complementaranse, dando lugar finalmente a unha serie de proxectos. Así, procederase á renovación do portal municipal, dotándoo dunha maior accesibilidade e navegabilidade e de máis servizos de administración electrónica. Entre estes servizos que se van implantar poden citarse algúns como o rexistro telemático, os taboleiros de anuncios dixitais, a notificación telemática, a expedición de documentos electrónicos, a facturación electrónica, a contratación electrónica ou o selado electrónico.

O traballo nestes dous plans permitirá que o Concello estea preparado para asumir de inmediato calquera avance tecnolóxico que se produza nestas materias. A nivel interno, tamén posibilitará unha renovación da intranet municipal e a integración de todos os aplicativos informáticos do Concello.

 
Fonte: Concello de Santiago
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal