O proxecto prevé a creación dunha plataforma de administración electrónica baseada en Software Libre
Este contrato está enmarcado dentro dunha dinámica de modernización local e pretende avanzar na mellora dos servizos de xestión e atención aos veciños utilizando as ferramentas da administración electrónica.
Segundo se deriva do prego de prescripcións técnicas do contrato con esta iniciativa Teo contará cunha plataforma de administración electrónica que permita aos cidadáns o uso das tecnoloxías na tramitación de procedementos administrativos. A plataforma de tramitación electrónica, na que se integrarán os procedementos, estará baseada en Software Libre e estándares abertos atendendo aos criterios de interoperabilidade administrativa.
O contrato está dotado cun orzamento de 224.000 euros, sobre o que as empresas poden ofertar unha baixa, totalmente subvencionado. Concretamente o financiamento corresponde ás convocatorias de Cidades Dixitais 2007-2010 dentro do Plan Avanza da Xunta de Galicia e do eModeL do Ministerio de Administracións Públicas.
A plataforma que se prevé realizar a medio e longo prazo contempla unha intranet interna, un rexistro telemático, a emisión de certificados, o rexistro de entrada e saída de documentos. No prego de prescripcións técnicas tamén se establece un plan de formación para o persoal do Concello, para administradores, e para dinamizadores da sociedade da información.
