Mancomún

O contorno de escritorio KDE 4.10 dispoñible en galego

Venres, 8 Febreiro 2013

Trasno anunciou o pasado día 6 no seu web o lanzamento de KDE 4.10. E como non, infórmannos que está dispoñible completo na nosa lingua!

Parabéns unha vez máis ao proxecto Trasno, e concretamente ao grupo de localización de KDE ao galego, coa coordinación de Marce Villarino e as traducións de Adrián Chaves, Xosé Calvo, Xabier Villar e Miguel Branco.

Top 10 dos equipos de tradución de KDE

Segundo recollen no seu anuncio, este novo lanzamento trae canda si unha grande cantidade de novas funcións e aplicativos. O espazo de traballo Plasma 4.10 mellora a interacción con dispositivos móbiles e recibe melloras no deseño gráfico e visual. Os aplicativos de KDE melloran a súa usabilidade e rendemento. Finalmente de cara aos desenvolvedores, a nova plataforma de desenvolvemento KDE 4.10 incorpora máis APIs a QT Quick.

Trasno aproveita tamén para falar sobre os recentes lanzamentos da suite ofimática Calligra e do reprodutor de son Amarok, por suposto tamén integramente en galego.
A tradución de KDE ao galego

Desta vez, o galego está entre unha das poucas linguas ás que se traduciu KDE ao completo para este lanzamento. O grupo de localización de KDE ao galego, coa coordinación de Marce Villarino e as traducións de Adrián Chaves, Xosé Calvo, Xabier Villar e Miguel Branco, chegaron a obter a interface gráfica de KDE totalmente traducida e con moitos módulos revisados de novo por completo. A documentación do proxecto está ao 55%, algo ben difícil de conseguir nun proxecto tan amplo. Agora intentarase a localización doutros recursos, non só de textos das interfaces, e a continuar a mellora da calidade das traducións feitas.

Dende o equipo agradecen a achega doutros que colaboraron na tradución de KDE e convíannos a unirnos ao grupo de localización ao galego de KDE e contribuír así a seguir conseguindo estes fitos.

Plasma Workspaces 4.10 mellora o soporte de dispositivos móbiles e mellora o deseño gráfico

O espazo de traballo Plasma, o contorno gráfico de KDE, puliuse considerablemente. Actualizáronse moitos dos widgets, moitos desenvoltos con Qt Quick. Con esa implantación conseguíronse espazos de traballo máis consistentes, un bloqueador de pantalla novo e máis seguro e fondos de pantalla animados. O widget de tarefas, o estilo gráfico dos grupos de xanelas e o xestor de enerxía foron modificados para facelos máis sinxelos de usar. Ademais disto, a imaxe en pantallas de alta resolución foi mellor implantada. O tema visual Air simplificouse e con isto o espazo de traballo Plasma faise máis sinxelo de usar. Por último, o novo menú de aplicativos en KDE permite termos un único menú para varios aplicativos que se estean a executar ao mesmo tempo.

Desta volta traballouse amplamente no aplicativo de busca e almacenamento semántico, o Nepomuk. Indéxanse máis axiña os datos e a busca énos máis rápida. Agora permite desactivar o indexado para son, imaxes, documentos ou código fonte. A interface de busca e o almacenamento e copia de seguridade tamén recibiron a súa volta de traballo. O novo Nepomuk Cleaner permite a xestión e limpeza dos datos almacenados con esta infraestrutura.

Mesmo desta volta KDE trae consigo un novo xestor de impresión. Temos para este un applet de Plasma que nos mostra as impresoras dispoñibles e nos dá acceso aos procesos de impresión en espera.

O xestor de ficheiros Dolphin foi igualmente ben revisado e trae novas características. Agora será máis sinxelo transferir ficheiros dende dispositivos móbiles e pódeselle cambiar máis facilmente o tamaño de iconas no panel. Ademais, a integración co almacenamento semántico é moi completa.

Melloras nos aplicativos: máis fáciles de usar e máis rápidos

Só mencionar ao rápido as principais destas novas características dos aplicativos de KDE:

  • Notificacións en Kate menos intrusivas. Neste editor de texto agora as notificacións fanse no borde superior e inclúe un «minimapa» como barra de desprazamento.
  • Volven algunhas das funcionalidades de KDE3 á consola.
  • Okular, o visor universal de documentos, gaña melloras ao mostrar os documentos máis rápido pero reducindo o consumo de memoria. Mellora as anotación a man nos documentos e trae características que o fan usable en dispositivos táctiles.
  • Gwenview, o visor de imaxes, mellora a vista previa de imaxes, trae axustes de cores para PNG e JPEG e soporta as as actividades.
  • Kontact mellora o indexado do correo electrónico e o seu rendemento. KMail agora redimensiona imaxes e ten autocorrección de texto.
  • Marble agora non só nos mostra a Terra senón que nos ensina as órbitas espaciais doutros planetas.
  • Rescribiuse Ktouch, para aprender a usar o teclado.
  • Aplicativos para educación e xogos en KDE temos ben deles. As melloras nas bibliotecas nesta versión de KDE fan que sexan máis áxiles. Desta vez temos novos xogos de Sudoku e quebracabezas.

Amarok 2.7

Novo lanzamento deste excelente reprodutor de música da comunidade de KDE: o Amarok 2.7 «un acorde menor». Esta nova versión trae estas novas características que foron desenvoltas grazas ao Google Summer of Code:

  • Unha versión preliminar do engadido para a colección de Nepomuk. Con isto o motor semántico Nepomuk, que xestiona os metadatos (artista, álbum, ano, xénero, lendas, etc ) asociados a ficheiros e outros recursos, recolle información das pistas de son.
  • Sincronización das estatísticas das coleccións de música con Last.fm.

Ademais:

  • Mellorouse o xestor de ficheiros e o seu deseño gráfico
  • Retomouse o soporte para a reprodución de CDs de son.

Tedes información de como descargar Amarok para a vosa distribución de GNU/Linux e Windows aquí: Amarok

Calligra 2.6

Lanzamento da nova versión da suite ofimática de KDE: Calligra 2.6.

Nesta versión Calligra libera tamén Calligra Author, un novo aplicativo para edición de publicacións. Neste primeiro lanzamento de Author é parecido ao Calligra Words xa que deriva do anterior. Actualmente soporta formatos que inclúen o EPUB2 e o MOBI.

Os outros aplicativos da Suite ofimática como son Words, Sheets, Stage e Flow, todos traen consigo melloras:

  • Words, o procesador de texto mellora a súa interface e recolle moitas correccións menores nos diálogos e en varias ferramentas, como no corrector ortográfico. Recolle ademais estatísticas de texto e exportación a ebook grazas ao traballo feito en Author.
  • Sheets, o aplicativo para follas de cálculo trae unha nova función de optimización, a chamada Solver.
  • Flow, o aplicativo de diagramas, mellora as conexións.
  • Plan, o xestor de proxectos, trae melloradas a información de axenda, a regularidade da axenda e os gráficos de rendemento e permite a creación de proxectos con máis funcións. Así mesmo, perfeccionouse a usabilidade do aplicativo.
  • Kexi, o xestor gráfico de bases de datos, ten un novo soporte para os usuarios de bases de datos, melloras na importación e exportación de CVS e na visualización de táboas.
  • Krita, un gran aplicativo de deseño gráfico, trae soporte para OpenColorI0, o que lle dá un pé de entrada na industria audiovisual. O rendemento de moitas funcións é máis eficiente, incluíndo nas bibliotecas e nas ferramenta de debuxo de precisión.

Como se dixo, nesta versión de Calligra temos xa soporte para os formatos EPUB2 e MOBI, ademais de mellor soporte dos formatos de MS Office 2007 e superiores. Outro elemento a resaltar é a interoperabilidade entre aplicativos da suite, ao se incorporar formas 3D e anotacións. As gráficas aceptan tipografías de título, etiquetas e marcadores para os conxuntos de datos. As fórmulas matemáticas móstranse cunha resolución máis óptima.

Tedes información de como descargar Calligra para a vosa distribución de GNU/Linux e Windows aquí: Calligra

Obten KDE!

Tedes información de como descargar KDE 4.10 SC para diferentes distribucións de GNU/Linux na páxina da comunidade de KDE. En concreto para:

En breves seguramente teñamos os repositorios preparados para outras distribucións como Arch Linux, Chackra Linux ou Fedora. Mais tarde pero igualmente, veremos este lanzamento en KDE Software para windows e Mac OS X. Animámosvos a que o probedes e desfrutedes de KDE SC 4.10!

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal