A pasada fin de semana rematou o curso “Boas prácticas na informática e na internet con ferramentas floss” da Universidade de Verán da USC e igual que aconteceu co curso “Traballo diario con Ubuntu” cuns resultados moi satisfactorios tanto para o alumnado como para o profesorado.
Todas as persoas interesadas en participar nestes excelentes cursos organizados pola OSL da USC durante o verán, non esquezades que ata o 26 de agosto segue aberto o prazo de inscrición para o Curso de localización de aplicativos ao galego e para o Curso de deseño e autoedición con Software Libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico nos que aínda quedan 20 e 12 prazas dispoñibles respectivamente.
O curso de Boas prácticas foi impartido por Roberto Brenlla, Enrique Estévez Fernández, Miguel Ángel Rodríguez Muiños e Denís Fernández Cabrera, quen durante os 3 sábados nos que se desenvolveu o curso, ofreceron aos asistentes formación básica sobre os estándares abertos e a súa importancia, sobre os formatos ofimáticos aconsellables e nocións básicas sobre as principais ferramentas ofimáticas que traballan con estándares abertos e finalmente nocións básicas e boas prácticas para a navegación e comunicación pola Internet.
Como material adicional, déuselle ao alumnado o libro Creando Software Libre, cedido pola Asociación Ghandalf. Ademais estase a elaborar un documento con ligazóns a materiais de referencia ou de utilidade, como complemento ao visto durante o curso para que o alumnado, e calquera outra persoa con interese, poida profundar nas boas prácticas na informática e na internet.

Neste curso de Boas prácticas matriculáronse 33 persoas das que finalmente só asistiron 31 con regularidade e obtiveron o seu diploma de asistencia. Os asistentes foron maioritariamente estudantes da USC ou doutras universidades galegas procedentes fundamentalmente da provincia de A Coruña e particularmente do contorno de Santiago de Compostela. O grao de satisfacción dos asistentes ao curso é excelente, sendo un 90% os que amosan ter un alto grao de satisfacción.

Ademais un 82% para os que o curso cubriu as súas expectativas de maneira satisfactoria, se ben os resultados son lixeiramente peores que para o curso de Ubuntu, probablemente debido ao ambicioso programa que en 3 días quizás resultou demasiado denso e pouco práctico. A pesar disto o 77% do alumnado recomendaría o curso a outras persoas o que supón un recoñecemento á labor do profesorado deste curso así como ao persoal da OSL da USC pola excelente organización do mesmo, quen por suposto toma nota das apreciacións recibidas para en futuras convocatorias ofrecer un curso aínda mellor.
