Mancomún

O Dicionario da pronuncia da Lingua Galega vén de ser publicado con licenza libre no repositorio de Software Libre da Xunta

Luns, 5 Outubro 2015
  • Grazas á colaboración co Instituto da Lingua Galega da USC e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística este recurso, con máis de 66.500 ficheiros sonoros en formato aberto está xa dispoñible con licenza libre.
  • Facilítase así a súa reutilización por parte de calquera persoa ou empresa interesada en crear aplicacións en base a esta ferramenta.
  • O dicionario ofrece un modelo de pronuncia correcta da lingua galega, na súa variedade estándar, que abrangue desde léxico común a máis de 2.500 nomes e apelidos, toponimia e accidentes xeográficos.

O Dicionario de pronuncia da Lingua Galega ofrece un modelo de pronuncia correcta da lingua galega, na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. Dado o interese lingüístico desta ferramenta e os posibles usos que podería ter para o emprego, por exemplo, no desenvolvemento de ferramentas de aprendizaxe do idioma, etc a Amtega e mais o Instituto da Lingua Galega decidiron colaborar para liberalo.

Un total de 66.714 ficheiros de son en formato aberto ogg compoñen este recurso liberado con licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional. Ademais de léxico común, incluíndo as voces máis recentes do dicionario da Real Academia Galega, inclúense tamén mil nomes propios de persoas, 1.500 apelidos e os nomes dos concellos, comarcas e parroquias do país, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros.
O Dicionario de pronuncia da Lingua Galega estaba xa dispoñible para a súa consulta na rede, onde calquera falante que dubide sobre a pronuncia dunha palabra galega pode escribila e pode ver a transcrición fonética e escoitar a pronunciación de dita palabra. Ademais está tamén integrado no dicionario da Real Academia Galega, no que é posible consultar a pronuncia de calquera das palabras nel recollidas.

Mais dende hoxe, os recursos que compoñen este dicionario, a base de datos que relaciona o léxico recollido no dicionario coa súa pronuncia así como os ficheiros correspondentes á pronuncia de cada unha das palabras, están dispoñibles para a súa reutilización por parte de calquera persoa ou empresa interesada.

Este material foi elaborado a través dunha colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do Instituto da Lingua Galega, e contou coa colaboración da Radio Galega.

Repositorio de Software Libre da Xunta

A base de datos do dicionario de pronuncia está dispoñible no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia. Todos os ficheiros publícanse baixo a licenza Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional.

Isto permitirá que calquera usuario interesado poida empregalo, modificalo e distribuílo libremente respectando sempre os termos da licenza seleccionada.

A colaboración entre a Amtega e o ILG enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia que pon á disposición da Administración Pública galega o servizo de certificación de liberación de software.

Fonte: Amtega

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal