Mancomún

O Dicionario de pronuncia da Lingua Galega, liberado o ano pasado, actualízase con novos termos

Luns, 20 Xuño 2016

Captura do dicionario de pronuncia da lingua galega en redeO ano pasado publicábase no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia os recursos do Dicionario de pronuncia da Lingua Galega, froito da colaboración da Amtega e mais o Instituto da Lingua Galega, dado o interese lingüístico desta ferramenta e os posibles usos que podería ter para o emprego, por exemplo, no desenvolvemento de ferramentas de aprendizaxe do idioma, etc.

Ao igual que a propia lingua, como proxecto vivo, o Dicionario vén de ser actualizado, incorporando 30 novos termos, polo que en total inclúe xa 66.742 ficheiros de son correspondentes a outros tantos modelos de pronuncia. Con esta actualización, que está dispoñible xa para a súa descarga, aproveitouse tamén para corrixir algún dos sons anteriores.
Como proxecto vivo que é o Dicionario de pronuncia da Lingua Galega actualizouse incluíndo melloras, coa incorporación de novos termos, así como correccións de erros que se foron atopando. Así por exemplo corrixíronse os sons de termos como "ibero/a", "celtibero/a", "adenoide", "interoperabilidade" e "San Xiao de Mos". En canto aos engadidos, mencionar por exemplo, "acorchetar", "agregador de novidades","arlequinado/a", "bolboretista", "endometriose", "homofobia","mestrado","solleira" etc. Pódese consultar o listado completo dos novos termos e os corrixidos na seguinte ligazón.

Estes cambios e melloras acaban de actualizarse no proxecto no Repositorio de Software Libre de Galicia. Os novos ficheiros liberados están, igual que os anteriores, en formato aberto ogg e dispoñibles baixo licenza libre Creative Commons Atribución-CompartirIgual 4.0 Internacional. Xunto cos mesmos está dispoñible tamén unha nova versión da base de datos completa, que recolle tanto os anteriores termos como os novos que se engaden.

Para máis información sobre como facer a actualización pódense consultar as instrucións que acompaña á actualización no ficheiro README no raíz do ficheiro .zip coa actualización.

Dicionario de pronuncia da Lingua Galega

Lembrar que o Dicionario de pronuncia da Lingua Galega ofrece un modelo de pronuncia correcta da lingua galega, na súa variedade estándar, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala.

Trátase dun proxecto de colaboración entre o Instituto da Lingua Galega da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que está dispoñible para a súa consulta na rede, onde calquera falante que dubide sobre a pronuncia dunha palabra galega pode escribila e pode ver a transcrición fonética e escoitar a pronunciación de dita palabra. Ademais está tamén integrado no dicionario da Real Academia Galega, no que é posible consultar a pronuncia de calquera das palabras nel recollidas.

O proxecto liberado e actualizado hoxe na forxa contén os recursos que compoñen este dicionario, é dicir, a base de datos que relaciona o léxico recollido no dicionario coa súa pronuncia así como os ficheiros correspondentes á pronuncia de cada unha das palabras, para a súa reutilización por parte de calquera persoa ou empresa interesada.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal