Mancomún

O empresariado vigués achégase ao Software Libre e aos seus modelos de negocio da man de AGASOL

Venres, 31 Outubro 2008
Este encontro inscríbese dentro do programa de actuacións previsto por AGASOL en virtude do convenio subscrito coa Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información

CFVO Club Financiero de Vigo foi o lugar elixido por AGASOL para expoñer as iniciativas a nivel galego, do estado español e da propia asociación a outras empresas TIC que non coñecían en profundidade os modelos de negocio do Software Libre. Con este obxectivo o evento contou coa intervención de expertos e profesionais no  eido das tecnoloxías abertas en Galiza, os cales achegaron a súa experiencia particular ao acto,

Deste xeito, Manuel Valardo de Cenatic deu conta das accións que están a desenvolver dende o seu organismo coma a difusión do FLOSS a nivel do estado español ademáis de recopilar casos de éxito no emprego de Software Libre ou creando un directorio de empresas que poidan ofrecer soporte aos seus clientes. Entre os seus obxectivos están o de fortalecer ás empresas TIC para que poidan aumentar o número de servizos que poidan prestar e apoiar ás Administracións Públicas para que adopten o Software Libre nos seus sistemas. Servizos de asesoría xurídica, técnica, formación, certificación e crear redes de cooperación son outras liñas de traballo a desenvolver durante estes dous próximos anos.

Por outra banda, Roberto Brenlla de TEGNIX, representando neste caso a AGASOL realizou unha conferencia similar á da Cámara de Comercio de Coruña, explicando as funcións da asociación de empresas galegas de Software Libre e clarificando os conceptos das licenzas, modelos de negocio e desmitificando prexuizos que hai en contra do Software Libre. Por outra banda, expuso a iniciativa de Mancomún coma exemplo europeo de apoio dende a Xunta de Galicia ás empresas TIC coas liñas de axuda e cumprindo coas premisas de traballo que hai no PEGSI.

Na sesión da tarde, Roberto Moreda de Allenta explicou as actividades que realizan na súa empresa, case exclusivamente de administración de sistemas informáticos cunha compoñente moi importante de Software Libre e sistemas GNU/Linux. Ademáis fixo énfase na confianza que teñen os seus clientes no seu departamento técnico como xeito de ter unha relación empresarial exitosa.

Igalia , representada por Javier Vázquez, presentouse como todo un referente coma empresa desenvolvedora de proxecto baseados en Software Libre cun grande éxito a nivel internacional e competindo con compañías de India, Estados Unidos ou Europa, convencendo do seu traballo xa que como comenta él, “o importante é ser bo”. Explicou a súa filosofía de traballo apoiándose na “felicidade” dos seus programadores, facilitando a flexibilidade de horarios e repartindo a mesma responsabilidade e mesmo salario entre eles. As súas liñas de negocio se centran en adaptacións de LAMP empregando Typo3 e desenvolvementos na plataforma de Gnome, entre outros, traballando en proxectos coma Maemo de Nokia.

Carlos Suárez, da empresa EDISA que desenvolve e implanta o seu ERP Libra, comentou a incerteza que a súa empresa comeza ao cambiar as súas liñas de negocio introducindo modelos baseados en Software Libre para os seus novos produtos GIE (ERP de fácil emprego) ou 3S (adicado ao terceiro sector) e que esperan afrontar con éxito.

Velneo , contou coa presenza de Nicolás Osuna, para explicar a súa estratexia de mercado para a nova versión do RAD (Rapid Application Development) deixando que os programas feitos con él sexan libres aínda que o framework non. Destacou a importancia de realizar unha interface gráfica empregando o concepto “KANSEI” de incorporar emoción e afecto no proceso de deseño, algo que a xente de Apple coñece moi ben.

Toda a xornada foi moderada e dirixida por Miguel Díaz Cacho, que pertence ao foro da Sociedade da Información do “Club Financeiro de Vigo” e traballa como profesor na Universidade de Vigo.

Fonte: AGASOL

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal