Mancomún

O equipo de tradución de Ubuntu agasalla á comunidade galega co gallo da celebración do Día das Letras Galegas

Mércores, 18 Maio 2011
  • O galego está na posición 15 dos idiomas aos que está traducido Ubuntu cunha porcentaxe de tradución do 70%
  • Hai apenas un mes, o galego atopábase na posición 17 a 6.300 liñas do seguinte idioma.
  • O equipo de tradución de Ubuntu, pertencente ao proxecto Trasno bríndalle este éxito á comunidade galega no Día das Letras Galegas e da Internet.

Logo do equipo de tradución ao galego de UbuntuO equipo de tradución ao galego de Ubuntu amosa novamente como o binomio Software Libre e Lingua Galega forman unha excelente parella. Así grazas ás posibilidades que ofrece o software libre e á vontade e encomiable esforzo desta comunidade, o galego está presente cada día con maior forza nas novas tecnoloxías.

Segundo dan conta no portal do Proxecto Trasno, ao que pertence este equipo capitaneado por Miguel Bouzada, cando remataron co traballo para a publicación da versión 11.04, co que acadaron unha tradución íntegra da instalación básica de Ubuntu, propuxéronse incrementar o xa de por si gran esforzo que viñan facendo para acadar un maior nivel de tradución do «total» da distribución e ir subindo postos no listado de idiomas traducidos. Así, no momento da saída de Ubuntu 11.04, hai menos dun mes, o galego ocupaba a posición 17 a 6.300 liñas do seguinte idioma.
Novos retos

Toda vez que xa conseguiron manter Ubuntu 100% traducido ao galego, considerando só os aplicativos incluídos na instalación básica de Ubuntu, este equipo puxo enriba da mesa unha serie de retos para ascender na clasificación de idiomas máis traducidos.

O primeiro reto era subir cando menos un posto, para o que, tendo en conta que os outros idiomas tamén seguen a traducir, estimaban que precisarían traducir arredor das 10.000 liñas novas. Outro obxectivo que tiñan de vello, era acadar a posición 15 no listado, e finalmente acadar o 70% do total traducido.

Puxéronse man á obra e casualmente onte, 17 de maio, Día das Letras Galegas informan que acadaron todos os seus obxectivos e o galego está na posición 15 e cun 70% traducido.

Comparativa de equipos de tradución de UbuntuCómpre salientar á hora de valorar este inmenso traballo, que polas condicións demográficas da nosa comunidade trátase dun dos equipos máis pequenos en comparación con outras linguas, como se pode apreciar na gráfica. Hai que ter en conta tamén que todo este traballo lévano a cabo de xeito voluntario e altruísta, con puntuais apoios institucionais para organizar xornadas de difusión e formación

Parabéns unha vez máis ao equipo de tradución ao galego de Ubuntu, coordinado por Miguel Bouzada, extensivos ao resto de equipos de tradución dos distintos proxectos que integran este sistema operativo: escritorio GNOME, navegador Firefox, Suite ofimática LibreOffice,… , todos eles agrupados baixo o proxecto Trasno.

Estamos seguros que esta pequena gran comunidade non se conformará con esta posición e que nos sorprenderá con novos fitos. Todos aqueles que queirades colaborar con esta comunidade non tedes máis que unirvos ao equipo de tradución ao galego de Ubuntu, presentarvos e xa vos indicarán o e mellor xeito de contribuír. Hai espazo para todos, para traducir, para revisar as traducións, reportar erros, …

E se desexariades colaborar pero que credes que non contades cos coñecementos suficientes para facelo, permanecede atentos ao noso portal ou ao de Trasno, xa que en breve haberá novas xornadas de formación abertas á comunidade.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal